Vocabulario Esencial de Arquitectura Histórica
Enviado por Chuletator online y clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en español con un tamaño de 4,31 KB
Vocabulario de Arquitectura
- Arcobotante
- Arco que transmite o impulso das bóvedas a un contraforte situado no exterior do edificio. Elemento típico da arquitectura gótica.
- Arco apuntado ou oxival
- Arco utilizado no período gótico, formado por dous segmentos de círculo de igual radio e inferiores a un cuarto de circunferencia. Arco de dous centros, co intradorso formando ángulo na clave.
- Arco de ferradura
- Arco ultrasemicircular cun só centro máis alto que a liña de impostas. Característico das arquitecturas visigótica e islámicas.
- Arco de faixa
- Arco que sobresae do intradorso da bóveda e corta esta en sentido transversal ao eixo, e serve para reforzala.
- Arco formeiro
- Arco que é paralelo ao eixo lonxitudinal da nave e que serve para unir e, á súa vez, separar as naves contiguas.
- Arco peraltado
- Arco cuxa curva é máis alta que a metade da súa anchura polo emprego dun peralte no seu arranque.
- Arco rebaixado
- Arco cuxa curva é inferior á media circunferencia. Parécese ao de medio punto, pero ten menos altura.
- Arquivolta
- Cada unha das molduras de perfil curvo que a modo de arcos concéntricos en serie decrecente conforman a frontal dun van abucinado.
- Bóveda de cruzaría, nervada ou de oxivas
- Bóveda formada por dous arcos apuntados que se cruzan en diagonal formando os nervios, cunha clave común. É característica da arquitectura gótica.
- Ciborio
- Torre de planta cadrada, circular ou octogonal, saínte ao exterior e situada sobre o cruceiro dunha igrexa, para iluminar o seu interior.
- Deambulatorio ou xirola
- Corredor semicircular dunha igrexa que serve para que transiten por el os fieis e visitantes sen dificultar a celebración litúrxica. Atópase rodeando o presbiterio ou capela maior, prolongando e unindo as naves laterais entre si.
- Estatua-columna
- Estatua adosada ao fuste dunha columna, frecuente nas portadas do románico e do gótico.
- Parteluz ou mainel
- Columna que divide verticalmente en dúas partes un van.
- Perspectiva xerárquica
- Aquela que ordena os personaxes en función do seu status social, atribuíndo un maior tamaño a aqueles que ocupan unha posición xerárquica preeminente. Non se trata, por tanto, dunha perspectiva realista.
- Plan central
- Planta simetricamente organizada con referencia a un punto central. Pode ter forma poligonal, circular ou de cruz grega.
- Planta basilical
- Planta de estrutura lonxitudinal, que consta de tres ou cinco naves.
- Presbiterio
- Parte dunha igrexa que comprende a área do altar maior ata as gradas por onde se sube a el. Soe situarse na ábsida central, e está reservado ao clero.
- Retrato
- Representación pictórica, escultórica ou fotográfica da efixie dunha ou varias persoas. / Xénero baseado nesa representación.
- Rosetón
- Van circular grande, constituído por unha grella de pedra calada, decorado con vidreiras e tracería. Moi característico das igrexas góticas.
- Tímpano
- Na arquitectura clásica, espazo interior dun frontón, que xeralmente se decora con figuración escultórica. / Nas portadas das igrexas románicas e góticas, espazo entre o lintel e a arquivolta de maior radio, que polo xeral acolle unha representación escultórica.
- Tribuna
- Galería aberta situada sobre as naves laterais dunha igrexa, desde a cal os fieis podían seguir as cerimonias relixiosas.
- Triforio
- Galería estreita, de carácter máis ornamental que funcional, no interior das igrexas góticas, aberta nos muros da nave central, e constituída por vans ornamentados e separados por maineis.
- Triglifo
- Rectángulo surcado por tres acanaladuras verticais, que sobresae e decora o friso do entaboamento dórico, alternándose coas métopas.