A Vida Política na Restauración: Quenda, Caciquismo e Fraude Electoral
Enviado por Chuletator online y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,19 KB
A vida política da Restauración
(Quenda, caciquismo e fraude electoral)
A vida política da Restauración baseouse na quenda pacífica entre os dous partidos dinásticos: o Partido Conservador de Cánovas del Castillo e o Partido Liberal de Sagasta. Ata 1881 gobernou o Partido Conservador que aboliu os privilexios forais vascos, eliminou a autonomía municipal, suprimiu o sufraxio universal masculino e restrinxiu as liberdades de prensa, reunión e asociación, provocando unha crecente oposición parlamentaria. Afonso XII concedeu a presidencia do Goberno a Sagasta que ampliou a liberdade de imprenta e consentiu a actividade legal das forzas opositoras (republicanos, socialistas e anarquistas) que se mantivo no poder ata que de novo o ocupou Cánovas entre 1884-1885. Nese ano morreu Afonso XII e os dous líderes dinásticos asinaron o Pacto do Pardo polo que se comprometían a garantir a permanencia do réxime e vixencia da quenda pacífica durante a rexencia da viúva María Cristina á espera de que o bebé que nacera fose varón, dado que só tiveran dúas fillas. Cánovas dimitiu como mostra de acordo e Sagasta gobernaría entre 1885 e 1890, período no que houbo importantes reformas entre as que destacan: a Lei de Asociacións que legalizou as organizacións obreiras, a Lei de xuízos por xurado, unha nova lei electoral que introduciu o sufraxio universal masculino para maiores de 25 anos.
O sistema, pese a estas reformas, mantívose inalterable debido a que os resultados das eleccións estaban viciados polo caciquismo e fraude electoral. A fraude electoral requiría do desenvolvemento dunha rede de relacións e influencias baseada no poder dos notables locais e manipulación das masas populares. Funcionaba da seguinte maneira: na cúspide había unha minoría dirixente dos partidos políticos, senadores, deputados, propietarios dos medios de comunicación, etc. que constituían a oligarquía dirixente entre a que se escollía os candidatos. A nivel provincial o gobernador civil, baixo a orde do ministro de Gobernación, colaboraba na elaboración do encadramento colocando nas cuadrículas de cada distrito electoral os nomes dos candidatos ministeriais e da oposición que se podían admitir, mediante negociacións entre os representantes das forzas políticas locais.
O cacique local con influencia sobre as autoridades e veciños da comarca, sobre todo no mundo rural, fabricaba os resultados electorais cun resultado que concedese entre o 60-70% das actas de deputados para o partido no poder e o resto para o partido da oposición. Isto deu lugar aos denominados distritos enfeudados nos que sempre saían representantes da mesma familia. Este sistema levaba a utilizar calquera método para lograr os resultados desexados: manipulación do censo, voto dos mortos, compra de votos, ameazas, pucheirazo (substituíndo masivamente uns votos por outros), etc.
Pese a que se fixeron modificacións das leis electorais non foron alteradas as bases do sistema porque coa colaboración de caciques, gobernadores civís e alcaldes lográbase o resultado desexado.