As Vangardas Literarias Galegas do Século XX: Creacionismo, Hilozoísmo e Neotrobadorismo
Enviado por lucia y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,95 KB
As Vangardas Literarias Galegas do Século XX
Os poetas que constrúen e difunden a súa obra ao longo do Período Nós son moi numerosos e con características moi diversas, tanto dende o punto de vista xeracional como estético. Dende Antonio Noriega Varela ata Álvaro Cunqueiro van máis de corenta anos de diferenza de idade entre os que contribúen ao esplendor lírico do Segundo Rexurdimento. Na Xeración de antre dous séculos, Xeración Nós, Xeración de 1925 e Xeración de 1936 engádense un conxunto de correntes estéticas que atinxen dende o conservadorismo decimonónico ata as vangardas máis extremas, de maneira que a vivacidade da literatura e da poesía galega móvese entre dúas grandes polarizacións: a que sitúa o autóctono fronte ao alleo e a que sitúa o tradicional fronte ao moderno. Da combinación destes factores xorden tres grandes tendencias: a que combina o autóctono e o moderno ou o alleo e o tradicional, son tendencias conciliadoras e combinan o alleo da imaxe insólita e o tradicional da forma métrica do romance, e darán como resultado o hilozoísmo; e a que combina o alleo e o moderno e aposta directamente pola incorporación das vangardas europeas e americanas, tal o caso do futurismo, do surrealismo, do creacionismo,… Nun tempo que se caracteriza pola aceleración do dinamismo histórico asistimos a unha progresión que nos leva, en só dúas décadas, dende o futurismo ao surrealismo, pasando polo dadaísmo,… Neste s.XX das vangardas producíronse bastantes transformacións sociais e políticas, nas cales, derivaron diferentes movementos como son o creacionismo, o imaxinismo e o neotrobadorismo.
Coñécense as vangardas como o conxunto de manifestacións artísticas que se desenvolveron nas primeiras décadas do s.XX, e que se caracterizan pola énfase posta na innovación e na confrontación coas normas estéticas canonizadas. A lírica nas vangardas galegas foron continuadoras dos trazos xerais das vangardas mundiais, grazas ao camiño aberto pola xeración Nós. O carácter individualizador das nosas vangardas vén determinado por unha serie de condicións: espírito nacionalista herdado das Irmandades da Fala, presenza do sentimentalismo e relación con Portugal.
O Creacionismo
O creacionismo foi a escola ou movemento que deu máis achados vangardistas na literatura galega. Coincide globalmente co cubismo literario no valor que dá ao instantaneísmo e prodúcese o fragmentarismo de imaxes. O maior achado creacionista na literatura galega foi “De catro a catro” de Manuel Antonio. As principais características en Galicia foron as seguintes: vocación cosmopolita, gran uso de imaxes, creación dunha visión plural da realidade, carencia de unidade e uniformidade espazo-temporal e antisentimentalismo. Por todo iso, destaca Manuel Antonio, nado en 1900 no seo dunha familia conservadora. Cando só tiña catro anos seu pai morreu por tuberculose. As súas primeiras ensinanzas foron dominadas polo conservadorismo e a relixiosidade, con once anos comunicaría á súa nai mediante unha carta que non quería seguir a carreira eclesiástica e matricularíase no instituto de Santiago para estudar o bacharelato. Santiago quedou na súa memoria como o lugar máxico onde comeza a militancia no galeguismo e no republicanismo. Nas súas estancias en Rianxo relacionaríase con Rafael Dieste, que o animou a participar na vida literaria e política dende os anos mozos. Como amosa nas súas cartas, o bacharelato non lle interesaba. Porén, as cuestións políticas e literarias atraíano cada vez máis, adoptando sempre unha actitude radical e rebelde. En 1919, seguindo os consellos do seu curmán comezaría estudos de náutica en Vigo, unha cidade que describe parodicamente e na que non se daba. Terá ocasión de participar na II Asemblea Nacionalista. A partir de 1921, comezaría unha intensa actividade literaria. Colaborou en revistas e xornais e formou parte do consello de “Ronsel”. En 1923 rematou os estudos de náutica e matriculouse en filosofía e letras, pero nunca remataría os seus estudos. Por mor da tuberculose que padecía, e da que só sabían algúns amigos, o 28 de xaneiro de 1930 falecería en Rianxo. E dedicaríaselle o Día das Letras Galegas no ano 1979. Ten obras como “Sempre e máis despois”, “Foulas”, “Viladomar” e “Con anacos do meu interior”, que serían publicadas despois da súa morte.
O Hilozoísmo
O hilozoísmo pretendía que a natureza fose a gran protagonista, empregar abundantes e atrevidas imaxes, ambientar o rural, usar topónimos e dar presenza de estranxeirismos. Quen destacaba neste movemento era Luís Amado Carballo, naceu en Pontevedra en 1901 e finou na mesma cidade en 1927. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1982. Cursou estudos de Filosofía e Letras, mais non o rematou, aínda que esta formación lle permitiría exercer de mestre de escola, traballo que compaxinou co xornalismo. Coñecido como poeta e vangardista, a paisaxe e a ría da súa cidade natal marcaran a súa produción poética. En 1920 trasladouse a Madrid coa idea de dedicarse ao xornalismo, cousa que só consegue parcialmente. Leva unha vida bohemia e asiste a algunhas tertulias literarias. De volta a Pontevedra fundou xunto con Xoán Vidal Martínez a revista “Alborada”. Despois de exercer como mestre ingresou como redactor de “La Concordia” en Vigo e despois en “El Pueblo Gallego”. Morreu a causa da tuberculose. Amado Carballo, pese a ter obras en prosa, é coñecido pola súa creación poética. A súa poesía, influída polas vangardas, ofrécenos unha mestura das imaxes vangardistas coas formas tradicionais galegas. A súa poesía estaba enormemente conectada cos sentidos, tecendo os poemas con metáforas. Ten obras como: “Proel”; “Os pobres de Deus” e “O Galo”.
O Neotrobadorismo
O neotrobadorismo é unha vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á fusión en Galicia da lírica medieval galaico-portuguesa, o que fixo posible a aparición dun novo discurso poético. Nesta vangarda recreanse temas amorosos similares ás cantigas de amigo e de amor, con recursos formais e ambientes. Este movemento trobadoresco tería continuación na posguerra onde entra a formar parte dunha “estética rexional tolerable”. Deste movemento tería especial relevancia Fermín Bouza-Brey, que naceu en Ponteareas en 1901 e finou en Santiago no 1973. Foi adicado o Día das Letras Galegas en 1992. Estudou Filosofía e Letras xunto con dereito, nas universidades de Santiago e Madrid, acadando o título de doutor nesta última. Logo opositou á maxistratura, exercendo como xuíz en distintas cidades. En 1919 publicou o seu primeiro artigo. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos. Colaborou en diferentes revistas. O Centro de Estudios Históricos forneceu unha bolsa de estudos na Bretaña francesa. Bouza continuaría o seu labor comezado no Seminario de Estudos Galegos, na sección de Arqueoloxía e Prehistoria do instituto Padre Sarmiento. Ingresou na Real Academia Galega en 1941. Foi o creador desta vangarda, do que a súa obra “Nao senlleira”(1933) é a máxima representante xunto con “Seitura”. Ademais da súa faceta literaria foi investigador en campos variados como o folclore e etnografía, arqueoloxía, arte,… posuía unha vasta cultura e estaba ao tanto das publicacións da época, tendo en conta as dificultades inherentes ao franquismo, período no que lle tocou vivir na segunda parte da súa vida. A súa extensa obra escrita (a Biblioteca Universitaria de Santiago ten catalogados máis de 440 títulos seus) foi a dun polígrafo completo que se atopa dispersa por innumerables publicacións xornalísticas de Galicia e outros países. Nalgún caso foi recollida por escolmas.