Segunda Guerra Mundial (1939-1945): Causas, Consecuencias e Desenvolvemento
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,11 KB
Segunda Guerra Mundial (1939-1945)
Comezo da Segunda Guerra Mundial (1930-1939)
Coa crise de 1929, houbo grandes consecuencias políticas e sociais. Xapón, Italia e Alemaña iniciaron políticas exteriores máis agresivas. Buscaban controlar mercados e materias primas básicas, e acabar coa crise social mediante un feroz nacionalismo e orgullo patriótico.
- 1931: Xapón invadiu Manchuria. A Sociedade de Nacións castigouno expulsándoo da organización en 1933 (marzo).
- 1933 (outubro): Hitler foi elixido Chanceler alemán, e Alemaña decidiu abandonar a Sociedade de Nacións.
- 1935 (outubro): Italia invadiu Etiopía para ampliar o seu territorio. A Sociedade de Nacións impúxolle sancións, Italia negouse a aceptalas e foi expulsada da organización.
- 1936 (marzo): Alemaña remilitariza Renania.
- 1936 (outubro): Naceu o Eixe Roma-Berlín debido ás relacións entre Italia e Alemaña, provocando unha crecente política de colaboración.
- 1936 (novembro): Hitler asinou o Pacto Anti-Komintern con Xapón contra a URSS. Despois uniuse Italia.
Política de pacificación
Alemaña iniciou o proceso de expansión por Europa e as potencias europeas aceptaron todas as súas esixencias pensando que así evitarían outra guerra.
- 1938 (marzo): Alemaña invadiu Austria.
- 1938 (setembro): A rexión dos Sudetes, con moita poboación alemá, foi cedida a Alemaña a cambio de que Hitler non fixese máis demandas territoriais. Con todo, o 29 de setembro, na Entrevista de Múnic entre Alemaña, Francia, Gran Bretaña e Italia, estas aceptaron as esixencias de Hitler e entregáronlle toda Checoslovaquia.
O detonante: a invasión de Polonia
En 1939, Alemaña asinou un pacto secreto de non agresión coa URSS, repartíndose Polonia entre os dous países. Hitler esixiulle ao goberno polaco que lle entregase Danzig, pero Polonia negouse. Entón, Alemaña invadiu Polonia o 1 de setembro de 1939, facendo que Francia e Gran Bretaña se aliaran con Polonia, comezando así a Segunda Guerra Mundial.
A ofensiva alemá (1939-1941)
A fronte occidental
Despois de invadir Polonia en só un mes grazas á blitzkrieg, Alemaña invadiu Dinamarca e Noruega (abril de 1940), e conquistou Holanda e Bélxica para lanzar unha ofensiva sobre Francia (maio de 1940). En xuño, os alemáns ocuparon París. Isto provocou a dimisión do goberno británico, pasando o mando a Winston Churchill. Hitler quixo invadir Gran Bretaña, o que provocou a Batalla de Inglaterra, enfrontamento aéreo que rematou co fracaso de Alemaña. Italia entrou en guerra o 10 de xuño e intentaba conquistar o norte de África, e cando decidiu invadir Grecia, interviñeron as tropas alemás para apoiar a invasión.
A fronte oriental
En 1941, os alemáns invadiron a URSS. O obxectivo era ocupar Leningrado, Moscova e Kiev. Debido ao barro do outono, os carros de combate non podían avanzar, polo que se atrasou a operación e os rusos aproveitaron para prepararse para o conflito.
A guerra do Pacífico
Xapón era a potencia máis importante do Pacífico, gobernada por un grupo de militares dirixidos polo xeneral Tojo. O 7 de decembro de 1941, atacaron Pearl Harbor, unha base estadounidense no Pacífico, que quedou aniquilada, facendo entrar a Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. Despois, Xapón decidiu conquistar as colonias angloholandesas.
A "nova orde" dos totalitarismos
Tras as ofensivas do Eixe (Italia e Alemaña), toda Europa oriental e central quedou baixo os intereses de Alemaña. Nos territorios ocupados, implantaron unha política de explotación económica e represión política. Os xudeus, perseguidos, foron encerrados en campos de traballo e de exterminio.
A vitoria aliada (1942-1945)
O ano decisivo: 1942
O Eixe durou ata a primavera de 1942, cando sufriu unha serie de derrotas que cambiaron o signo da guerra:
- Stalingrado: Na fronte oriental, os alemáns, sen combustible, foron buscar as reservas petrolíferas do Cáucaso, pero fracasaron na conquista de Stalingrado, clave para o control do río Volga, e perderon o VI Exército de Von Paulus.
- El Alamein: Foi o final do Afrika Korps ao fracasar na conquista de Exipto para controlar o petróleo de Oriente Medio pola derrota de Rommel no Alamein.
- Midway: No Pacífico, a ofensiva xaponesa foi freada na batalla do Mar de Coral. Os xaponeses intentaron atraer os portaavións superviventes de Pearl Harbor a unha trampa en Midway, pero a frota xaponesa foi descuberta e afundida.
Os contraataques aliados (1943)
O exército alemán intentou unha última ofensiva en Rusia, pero foi derrotado na batalla de Kursk. Desde o norte de África, os aliados iniciaron a invasión de Italia, pero os alemáns detiveron o avance aliado cara a Roma e mantiveron no seu poder o norte de Italia. Mussolini foi deposto.