Realismo Social en Blanco Amor e Neira Vilas
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 5,22 KB
O Realismo Social de Eduardo Blanco Amor
A Esmorga (1959)
Punto de partida da moderna narrativa galega en canto á renovación técnica e temática.
Os Biosbardos (1952)
Sete contos moi homoxéneos técnica e tematicamente. Narrador, unhas veces testemuña e outras protagonista, que narra en primeira persoa distintas experiencias de personaxes infantís de distintas clases sociais que van transformando a súa vida, a súa visión do medio e a relación cos outros.
Xente ao Lonxe (1972)
A través dos avatares sufridos por unha familia de clase obreira, retrata a moi estratificada sociedade urbana ourensá de principios do século XX. Combina varios narradores, uns que falan en primeira persoa (como o protagonista e outros) e outro narrador obxectivo en terceira persoa. As tres obras están situadas no Ourense das primeiras décadas do século XX.
A Esmorga: Renovación da Narrativa Galega
Supón unha renovación do punto de vista da narrativa galega: fronte ao narrador omnisciente habitual na novela galega anterior, en A Esmorga atopamos dous narradores.
Narrador 1
Na documentación inicial e nas liñas do epílogo. Desde unha posición de narrador-editor-investigador, finxe reconstruír a historia tráxica de tres personaxes de Auria. Para iso di valerse de distintas fontes documentais que el mesmo pon en dúbida nun constante xogo irónico. Ante a calidade dos testemuños, o primeiro en sospeitar da veracidade da historia é o propio narrador que pretende crear unha sombra de desconfianza no lector.
Ao final o autor consegue o suficiente distanciamento para que o lector manteña a dúbida sobre a veracidade do narrado, alcanzando así a novela un alto grao de ambigüidade típico da narrativa contemporánea que reclama un modelo de lector activo, pouco habitual na nosa literatura ata o momento. O propio lector terá que axudar a reconstruír o texto recreando as preguntas do xuíz (no interrogatorio a Cibrán o Castizo) eliminadas polo autor. Esta supresión é o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz (que falaría en castelán) e un reo (que fala en galego). Pero estes silencios do xuíz tamén reforzan a soidade do personaxe ante unha xustiza simplemente represora e castigadora.
Narrador 2
O que desenvolve en primeira persoa o núcleo do relato.
Renovador Tratamento Temporal
Fronte á linealidade temporal propia da narrativa do XIX, en A Esmorga hai unha complexa temporalidade na que podemos distinguir:
- Tempo da redacción do narrador 1 que se sitúa a case 40 anos de recoller a documentación e a 90 anos dos sucesos.
- Tempo da narración: os dous días que Cibrán pasa declarando ante o xuíz.
- Tempo da historia: 24 horas que median entre a saída de Cibrán da súa casa na madrugada ata os sucesos ocorridos na mañanciña do día seguinte.
As tres dimensións entrecrúzanse no texto provocando unha concentración temporal.
O Espazo Físico e Social
Rompe tamén coa narrativa anterior, onde predominaban os ambientes rurais e os tipos labregos, fidalgos ou pequeno-burgueses acomodados. A novela sitúanos nos suburbios de Ourense con personaxes marxinados socialmente, próximos á delincuencia e afeitos á violencia como norma de conduta, predestinados a un drama de destrución ou autodestrución.
Significado da Obra
Fixéronse dela varias lecturas; por exemplo:
- Próxima á novela picaresca. Pero os personaxes non son pícaros que desde unha posición amoral, aproveitan a moralidade social para o seu progreso; ao contrario, son vítimas de si mesmos e dunha sociedade que os reduce á marxinalidade e acaba por aniquilalos. A Esmorga está escrita con ton tráxico, non cómico como a novela picaresca.
- Interpretación existencialista baseada nun suposto determinismo que rexe a traxedia dos personaxes.
- Interpretación sociolóxica baseándose no retrato en negativo dunha nación colonizada e desarticulada onde as condicións económicas, culturais, etc., conducen á alienación do individuo e provocan unha violencia primaria e autodestrutiva.
O Realismo Social de Neira Vilas
Quizais pola súa orixe labrega e a súa condición de emigrante, Neira Vilas centra a súa narrativa nestes dous mundos que coñece ben: o mundo rural galego e a Galicia da emigración. Nestes dous temas aséntase a súa obra de maior éxito, Memorias dun Neno Labrego, que narra a vida da aldea galega da posguerra dende a óptica dun neno, Balbino, que non atopa máis que obstáculos para saír adiante deixándolle como única saída a emigración. Noutras obras como Xente no Rodicio ou Querido Tomás trata tamén o mundo campesiño condenado á emigración, violencia e autodestrución, pero dende a óptica dos adultos. Nas obras que se centran na emigración (Historias de Emigrantes, Remuíño de Sombras, …) trata aspectos como os problemas de adaptación dos emigrantes galegos ás novas terras, ou a nostalxia, o éxito e o fracaso da emigración.