Prosa galega: de Nós á posguerra

Enviado por Anónimo y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,01 KB

A prosa entre dous séculos

A prosa galega moderna nace coa Xeración Nós. Con anterioridade a estes autores, cómpre citar outros que contribuíron ao seu desenvolvemento.

Manuel García Barros (1876 – 1972)

Baixo o pseudónimo de Ken Keirades, publicou Contiños da Terra. De forma póstuma, publicouse As aventuras de Alberte Quiñoi, que son, sen dúbida, unhas memorias do propio autor. A súa obra destaca polo seu galego próximo á fala popular.

A prosa das Irmandades

A prosa galega experimentou uns grandes avances na época das Irmandades da Fala. Así o demostran feitos como os seguintes:

  • A aparición do ensaio, medio de difusión da ideoloxía nacionalista.
  • O desenvolvemento da prensa en galego. Cabe destacar A Nosa Terra.
  • A difusión de diferentes coleccións de narrativa, como Céltiga.

Os máis importantes ensaístas foron:

Xoán Vicente Viqueira (1886 – 1924)

Vinculouse á ideoloxía nacionalista. Foi autor de numerosos artigos aparecidos, sobre todo, en A Nosa Terra.

Antón Vilar Ponte (1881 – 1936)

Foi artífice da renovación ideolóxica das Irmandades. Escribiu numerosos artigos, discursos, ensaios... recollidos en Pensamento e sementeira.

Ramón Vilar Ponte (1890 – 1953)

Moi brillante nas Irmandades. O seu libro Doutrina nacionalista foi o primeiro tratado teórico do nacionalismo galego.

Entre os prosistas de ficción destacan:

Leandro Carré Alvarellos (1884 – 1976)

Escribiu varias novelas recollidas na colección Lar: Naiciña e O xornal de Mavi.

Xosé Lesta Meis (1876 – 1930)

As súas obras son Manecho o da rúa e Estebo. Teñen en común o seu estilo realista e a combinación de espazos (aldea e emigración).

A prosa das vangardas

Os autores da xeración das vangardas son, na súa maioría, poetas, aínda que tamén houbo algún cultivador da prosa. O máis importante foi:

Rafael Dieste (Rianxo, 1899 – Compostela, 1981)

Exerceu o xornalismo en Vigo e comezou a publicar a súa obra en galego. Tivo que emigrar a Bos Aires, onde desenvolveu unha importante actividade cultural.

Produción narrativa

Dos arquivos do trasno. Transmítese, a través dos personaxes, o carácter do home galego. Encontramos a presenza do mundo real ao lado do mundo imaxinario e marabilloso. Foi o precursor do realismo máxico.

A Xeración Nós: a prosa

Son todos os escritores que contribuíron ao progreso da nosa literatura. Escritores que puxeron en sintonía a cultura galega coa cultura europea do seu tempo.

Periodización da Xeración Nós

O pregaleguismo

O núcleo da xeración xurdiu en Ourense, arredor de 1914. Todos os compoñentes eran da clase acomodada, estaban desvinculados da nosa cultura e do movemento nacionalista e defendían o individualismo.

O galeguismo

Ao entrar en contacto coas Irmandades da Fala, a adhesión ao galeguismo foi case inmediata. Chegaron á convicción de que o camiño da universalidade pasaba pola asunción e o coñecemento da propia cultura. Para romper o illamento de Galicia, desenvolveron un intenso labor político (Partido Galeguista) e cultural (revista Nós, Seminario de Estudos Galegos).

A etapa de posguerra

O estalido da guerra en 1936 supuxo a ruptura da unidade do grupo e o remate da súa actividade como tal.

Vicente Risco (Ourense, 1884 – 1963)

As súas inquietudes culturais levárono a fundar a revista La Centuria, revista que expresa o seu interese naquel tempo polo ocultismo e o orientalismo. Uniuse ás Irmandades da Fala e iniciou a súa etapa galeguista. Fundou a revista Nós e asumiu a dirección literaria. Tras a Guerra Civil, abandonou a súa actividade galeguista.

Produción narrativa

A súa primeira obra foi Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, onde deixa clara a súa ideoloxía, facendo patente a súa oposición ao pensamento racionalista.

En A coutada, o protagonista sofre a inadaptación ao moderno mundo urbano e defende a necesidade de volver á vella casa dos devanceiros.

O porco de pé é a súa única novela. Representa a vulgaridade e o materialismo da nova burguesía ata a perda da galeguidade.

Produción ensaística

Teoría do nacionalismo galego, guía para as seguintes xeracións. En Nós, os inadaptados, expón a evolución ideolóxica da súa xeración.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888 – 1976)

Ingresou nas Irmandades da Fala e uniuse ao Seminario de Estudos Galegos. Participou na fundación da editorial Galaxia. Durante toda a ditadura, mantívose como testemuña do nacionalismo de posguerra.

Produción narrativa

Dos seus relatos, destaca O purgatorio de don Ramiro, cunha temática de ultratumba.

A súa primeira novela é Os camiños da vida, na que conta os cambios que se producen na Galicia do século XIX.

En Arredor de si, presenta a propia experiencia autobiográfica.

A romería de Xelmírez trátase dunha novela histórica de asunto medieval.

Produción ensaística

En Pelerinaxes, fala da paisaxe galega e das reflexións sobre a vida aldeá.

O seu ensaio máis ambicioso é Ensaio histórico sobre a cultura galega, que presenta o desenvolvemento histórico e cultural de Galicia.

Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires 1950)

Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Facetas de pintor, debuxante, narrador, dramaturgo, ensaísta e político agrarista. Residiu na Pampa arxentina, onde emigrara o seu pai. Volveu a Galicia e cursou Medicina en Santiago. Participou no sindicato Acción Gallega e ingresou no galeguismo ao entrar nas Irmandades da Fala. Fíxose cargo da dirección artística da revista Nós. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos. Foi elixido membro da Real Academia Galega. Participou na creación do Partido Galeguista.

Produción narrativa

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Novela humorística centrada no tema de ultratumba. Desenvolve o compromiso social e o humor.

Cousas é considerada a súa creación máis orixinal.

Retrincos son cinco relatos, nos que se narran acontecementos e vivencias da súa vida.

En Os dous de sempre, reproduce as mesmas fórmulas de títulos anteriores: pequenas unidades narrativas que se suceden e nas que se combina o humor, o lirismo e o realismo.

Produción ensaística

En Sempre en Galicia, dende unha perspectiva de nacionalismo progresista, expón as súas reflexións sobre múltiples temas: o autogoberno, o exilio, a defensa do idioma, o sentimento de Galicia...

Entradas relacionadas: