Poesía galega posguerra: 1936-1976
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 7,12 KB
A poesía entre 1936 e 1976
A Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais
Como consecuencia da guerra civil, desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só é posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fan poesía crítica e de compromiso. Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacábel pola súa calidade. En 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, e no ano seguinte constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego.
Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:
- Xeración do 36. Poetas nados entre 1910 e 1920; a guerra cólleos na súa xuventude, mais foron educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela, entre outros, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.
- Promoción de Enlace, nados entre 1920 e 1930. Tampouco son un grupo coherente; cada quen trata de buscar o seu estilo. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea. Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
- Poetas das Festas Minervais, nados entre 1930 e 1940, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto, e colaborando no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas, contribuíndo a crearen as organizacións nacionalistas de esquerdas. Nun primeiro momento continúan tendencias poéticas de preguerra tematicamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra (aínda que xa tratadas antes na nosa literatura): intimismo -seguindo a liña iniciada por Rosalía-, clasicismo...
A forma poética máis característica será a Escola da Tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas. A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa, abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados os anos 70, cando comeza a se producir a súa decadencia pola abundancia e mais polo descenso de calidade poética, caendo no prosaísmo e no empobrecemento da linguaxe.
Entre os autores pertencentes a cada unha das tres xeracións centrarémonos nos seguintes:
Celso Emilio Ferreiro
(Celanova, 1912 - Vigo, 1979). Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
- Ten poesía intimista, influenciada polo existencialismo: mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida, reflexiona sobre o irremediábel fuxir do tempo... Escribiu tamén poemas amorosos para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado (1955) e a esta temática volve na súa última obra, Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte...
- Ten poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais ou o Quevedo máis mordaz.
- A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe moi asequible e coloquial, quere chegar a todo o mundo, non só a unha minoría. Trata temas como a guerra civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de emigrar, de marchar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, e vía América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas, unha das obras da nosa literatura máis veces reeditada. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra da Galiza, dun modo paralelo ao protagonismo que tiñan Blas de Otero, Salvador Espriu ou Gabriel Aresti, autores de poesía social nas outras linguas do Estado.
Manuel Cuña Novás
(Pontevedra, 1926-1992) é representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.
Uxío Novoneyra
(O Courel, 1930 - Compostela, 1999). Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.
Xosé Luís Méndez Ferrín
(Ourense, 1938). Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa, 1957), escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens (sempre formalmente máis coidada que o socialrealismo do momento) pero o seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, achegando novos temas, nova linguaxe poética... Neste libro combínase a poesía revolucionaria -a pólvora- co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético -as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con compracencia estética a imposíbel recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia.
1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e Con pólvora e magnolias -xunto con Mesteres, de Arcadio López Casanova- foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín.