Panorama da literatura galega contemporánea: poesía e narrativa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 11,53 KB
Panorama da Literatura Galega Contemporánea
Poesía
Primeira metade do século XX
No campo da poesía, destacaremos sobre todo o labor de Luís Seoane e Lorenzo Varela.
Luís Seoane (Buenos Aires, 1910 - A Coruña, 1979). Foi un dos creadores máis polifacéticos da nosa historia: pintor, deseñador, poeta, ensaísta, dramaturgo... Estudou Dereito en Santiago, cidade na que se formou a súa vocación artística e a súa ideoloxía galeguista e de esquerda. De volta a Galicia tras o exilio, en 1968, creou con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Sargadelos. Produción poética: Fardel do eisiliado, Na brétema, Sant-Iago, As cicatrices e A maior abondamento. Trátase dunha poesía dominada polo compromiso ético coa realidade social e humana de Galicia, abordando temas coma o exilio, a emigración ou o sometemento dos humildes en calquera época da nosa historia. No tocante ao estilo, acostuma usar versos longos de metro libre e sen rima.
Lorenzo Varela (A Habana, 1917 - Madrid, 1978). Nacido na emigración, participou nas Mocedades Galeguistas. Na etapa do exilio, colaborou estreitamente con Luís Seoane. Produción poética: Catro poemas para catro gravados e Lonxe. A poesía de Varela, condicionada pola experiencia persoal e pola vivencia de Galicia, combina distintos motivos, desde a poesía social realista de denuncia da opresión ata composicións de plenitude sensorial centradas na saudade da terra.
A Promoción dos 80
A promoción dos 80 dáse a coñecer a través de revistas poéticas (Nordés, Luzes de Galiza, Dorna, Festa da Palabra Silenciada...), premios literarios (Esquío, Leliadoura, Espiral Maior...), recitais e actos poéticos (Festival de Poesía do Condado) ou a través de colectivos poéticos (Rompente, Alén, Cravo Fondo, Ronseltz...). Podemos acometer unha clasificación en función de certas características, se ben a proliferación de nomes e títulos fai imposíbel un estudo individualizado en pouco espazo:
- Estética formalista ou culturalista, liña predominante no período. Destacamos a:
- Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956): Autor de poemarios de temática erótica e versos sonoros e musicais, como Poemas de amor sen morte e Historia da lúa.
- Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957 - Barcelona, 2008): Publicou As cidades da nada, Pasa un segredo e Luz do mediodía, obras de poesía esencial dominada polos símbolos e a temática transcendente: a infancia, a morte, a conciencia do tempo...
- Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958): Autor de Seivas de amor e tránsito, Poemas da lenta nudez ou As incertezas do clima coa temática amorosa de fondo e o diálogo do poeta coa paisaxe.
Outros poetas desta xeración son: Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xavier Seoane, Xesús Manuel López Valcárcel, Manuel Forcadela, Román Raña, Eusebio Lorenzo Baleirón...
- A poesía da experiencia, cunha linguaxe máis flúida e directa capaz de abrirse a cuestións sociais. Destacaríamos a Manuel Rivas e Cesáreo Sánchez Iglesias.
- O experimentalismo, máis atento á exploración da linguaxe poética a custa das preocupacións formais e sociais. Poetas a destacar: Manuel Vilanova, Vítor Vaqueiro, Vicente Araguas...
- A voz feminina, que participa das liñas anteriores e, á vez, asume un papel activo para deixar constancia da femineidade ou do que se deu en chamar “outredade”:
- Pilar Pallarés (Culleredo, 1957): Desenvolve dúas liñas poéticas: a social e revindicativa, con obras como Entre lusco e fusco, e a intimista, con Livro das devoracións.
Outras autoras a destacar son Xela Arias e Ana Romaní.
A Promoción dos 90 e Comezos do Século XXI
A promoción dos 90 e comezos do século XXI representa a continuidade e a consolidación das fórmulas ensaiadas anteriormente por parte de autores máis novos que van confluír cos máis vellos. De novo se repiten as vías de presentación, a través de colectivos (Batallón Literario da Costa da Morte, Dolmen...), presenza en recitais e festivais poéticos, publicación en revistas e fanzines, as editoriais editan novas coleccións de poesía e multiplícanse os premios literarios.
Tendencias e autores máis destacados:
- Poesía de transición: Miro Villar e Gonzalo Navaza.
- Poesía provocadora e contestataria: Antonio R. López, María Xosé Queizán, Lupe Gómez, Yolanda Castaño, Olga Novo e Chus Pato.
- Poesía do íntimo e o cotián: Anxo Angueira, Fran Alonso, Emma Couceiro e Estevo Creus.
- Outras liñas: Manuel Outeiriño e María do Cebreiro.
Narrativa
Primeira metade do século XX
Dentro da narrativa, destacamos as figuras de Ramón de Valenzuela e Silvio Santiago.
Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914 - Sanxenxo, 1980). Antes da guerra foi mestre, colaborador do Seminario de Estudos Galegos e membro do Partido Galeguista. Estivo preso baixo o franquismo e condenado á morte. Ao conmutárselle a pena, fuxiu a Arxentina, onde se integraría na actividade cultural galeguista. Produción narrativa: Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar. Obras de marcado carácter autobiográfico, nas que domina a acción sobre a descrición, empregando técnicas do relato oral e retratando os personaxes con precisión e autenticidade.
Silvio Santiago (Vilardevós, 1903 - Compostela, 1974), autor do libro de relatos Vilardevós, onde presenta unha visión nostálxica da súa terra natal vista desde a distancia do exilio, e a novela O silencio redimido, obra autobiográfica a medio camiño entre a novela e o libro de memorias.
Etapa de Transición e Renovación (1975-1980)
A etapa de tránsito e renovación, entre os anos 1975-80, caracterízase precisamente pola persistencia de modelos antigos ao tempo que aparecen os primeiros síntomas do cambio. Manteñen os canons xa asentados autores que continúan en activo como Blanco Amor, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole, Neira Vilas ou os escritores da Nova Narrativa Galega.
Entre os que apuntan novidades formais e estéticas sinalamos:
- Carlos Casares (Ourense, 1941 - Vigo, 2002): Publica en 1975 Xoguetes pra un tempo prohibido, obra que transita entre os presupostos da NNG e modelos máis clásicos. As súas obras seguintes (Ilustrísima, Deus sentado nun sillón azul...) afástanse de todo da NNG.
- Aparecen, por outro lado, intentos de crear obras de xénero, como novela histórica (X. Bernárdez Villar, Un home de Vilameán), western (X. Fernández Ferreiro, A morte de Frank González) ou ciencia ficción (Lois Diéguez, Galou Z-28).
- Anxo A. Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952 - A Coruña, 2008): Publica Dos anxos e dos mortos, novela de gran influencia no seu tempo, que trata historias e ambientes urbanos contemporáneos cunha técnica esixente e complexa.
Etapa dos Anos 80
Na etapa dos anos 80 constatamos a definitiva consagración da literatura galega como un verdadeiro sistema, formado pola interacción de creadores, editoriais e público lector. Foi especialmente importante a creación de novas empresas editoriais, baseadas en criterios comerciais mais sen renunciar a estratexias de normalización lingüística e consolidación do sistema literario, e tamén a proliferación de premios literarios que dinamizaron o sector.
Autores principais deste período:
- Alfredo Conde (Allariz, 1945): Reflicte o problema da soidade e a liberdade do individuo fronte ao mundo. Técnicas derivadas da vangarda e a NNG, especialmente o monólogo interior. Lingua culta e sintaxe complexa. Obras: Mementos de vivos, Breixo, Memoria de Noa, Xa vai o grifón no vento, Música sacra, O fácil que é matar...
- Xavier Alcalá (Cidade Real, 1947): Cultiva a novela realista con compoñentes autobiográficos, a novela de viaxes, de aventuras, de emigrantes... Domina diversas técnicas literarias, o seu estilo é claro e sinxelo, e é autor dunha extensa obra: A nosa cinza, Fábula, Nos pagos de Huinca Loo, Viaxe ao país de Elal, Alén da desventura.
- Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951): Centra a súa temática en dous eixos: a recuperación do pasado como clave para a reconstrucción da identidade galega e a cuestión universal da tensión entre o ben e o mal como motor para o avance da historia. Obra: O triángulo inscrito na circunferencia, O enxoval da noiva, A cidade dos césares.
- Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956): Publicou obras como Caixón desastre, Tic-Tac, Calzados Lola, A sombra cazadora, Círculo e Trece badaladas. A súa temática parte da sociedade urbana, unha sociedade dominada polo consumismo, a superficialidade, a violencia e o disparate; ante ela, o autor asume un punto de vista crítico e satirizante; usa con mestría a chamada “chatarra lingüística”, linguaxe tirada dos rexistros máis coloquiais.
Etapa dos Anos 90 e Comezos do Século XXI
Quizais o trazo máis destacado da etapa dos anos 90 e comezos do século XXI sexa a multiplicación dos xéneros narrativos e a variedade de propostas estéticas, que nos permite facer a seguinte clasificación:
- Novela histórica: X. Fernández Ferreiro e Darío Xohán Cabana (Roás, 1952). Escribiu Galván en Saor, Vidas senlleiras, O cervo na torre e Morte de rei. É creador dun universo propio que abala entre o real e o imaxinario, gusta de retomar o pasado histórico de Galicia e posúe unha linguaxe depurada.
- Novela negra e policial: Carlos G. Reigosa (Crime en Compostela), Suso de Toro (Ambulancia), Manuel Forcadela (Barato, barato)...
- Xénero aventuresco: Xosé Miranda (Morning Star), Xavier Queipo, Marilar Aleixandre...
- Novela crónica: Valentín Carrera (Riosil), Fran Alonso (Tráiler)...
- Novela de ciencia ficción: Ramón Caride (Soños eléctricos)...
- Novela de autor, inclasificábel: Xosé Cid Cabido e Xosé Carlos Caneiro.
- Novela feminista: Mª Xosé Queizán, María Reimóndez...
- Neocostumismo urbano: Manuel Rivas (A Coruña, 1957): Poeta, narrador e xornalista. Escribiu Un millón de vacas, En salvaxe compaña, ¿Que me queres, amor?, O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal. Gran observador da Galicia de hoxe, na súa obra é constante a tensión entre tradición e modernidade, o rural e o urbano, cun coidado lirismo, ironía e humor.
- Literatura infantil e xuvenil: Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xosé A. Neira Cruz, Xoán Babarro, María Victoria Moreno, Ana Mª Fernández, Antón Cortizas...