Lingua minorizada vs. minoritaria: Definición, semellanzas e diferenzas

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,83 KB

Nunha situación de convivencia lingüística nunha sociedade, é habitual que unha das linguas (a dominante) se vaia impoñendo sobre a outra (a dominada), ocupando progresivamente os seus ámbitos de uso e provocando a súa substitución progresiva. Este proceso coñécese como "minorización lingüística" e, durante o seu desenvolvemento, é frecuente que aparezan signos de tensión ou conflito entre as linguas, xa sexa para ampliar as súas funcións no seo da sociedade ou para evitar ser desprazada nalgunha delas pola outra lingua.

Lingua minorizada e lingua minoritaria

Desde un punto de vista sociolingüístico, convén non confundir "lingua minorizada" con "lingua minoritaria". A primeira ten unha dimensión cualitativa e funcional (responde á pregunta "para que se usa?"). Así, unha lingua minorizada, independentemente do número de falantes, non é empregada con normalidade en tódalas situacións ou en tódolos ámbitos comunicativos dentro da propia comunidade. O concepto de "minoritaria" ten unha dimensión cuantitativa ("cantos a usan?") e non implica ningunha anormalidade no seu uso social; é o que se podería aplicar a linguas que, aínda tendo un estatuto de oficialidade no seu territorio, dispoñen dunha comunidade de usuarios reducida. Por esta razón, podemos atopar linguas minoritarias que están minorizadas por teren restrinxidos os seus usos (ex: o bretón en Francia), pero tamén linguas minoritarias perfectamente normalizadas, por seren o instrumento habitual de comunicación entre os individuos dunha comunidade (ex: o albanés).

Polo que se refire ás linguas con moitos falantes, serán máis comúns as situacións normalizadas (ex: o francés en Francia), pero non é excepcional que algunha delas se encontre nalgún contexto en situación de minorización, xa que unha mesma lingua pode estar normalizada nun territorio e minorizada noutro (francés no Canadá ou español en Porto Rico).

Interposición ou mediatización

Unha das situacións de minorización lingüística é a chamada "interposición" ou "mediatización", que consiste en que as relacións entre os falantes da lingua minorizada e os de outras comunidades externas se establecen a través do idioma dominante. Ex:

  • Na tradución de títulos de películas ou de libros coñecidos, de frases célebres, etc., dunha lingua estranxeira, é moi frecuente que a lingua dominante actúe de filtro inconsciente.

  • Nos préstamos léxicos dunha lingua estranxeira, que son introducidos na lingua minorizada a través do idioma dominante. Ex: "hot dog", introducido mediante a tradución literal do castelán ("perrito caliente") e empregado habitualmente nesta forma en galego.

  • ¿En que situación está o galego? A pesar de que o galego foi de sempre a lingua maioritaria en Galicia, podemos apreciar unha situación de minorización con respecto ao castelán xa dende o reinado dos Reis Católicos, que, para afirmar o seu poder fronte á nobreza galega, empezan a cubrir os postos claves da administración e da Igrexa en Galicia con xente de fóra e a adoptar medidas restritivas fronte ó idioma galego.

Así, durante os séculos XVI, XVII e XVIII (Séculos Escuros), a lingua galega non tivo practicamente ningunha presenza na literatura, na administración, no ensino, etc.; en xeral, en ningún dos considerados ámbitos públicos e formais.

Esta situación de subordinación lingüística do galego continuouse a grandes trazos ó longo do século XIX e boa parte do XX. O esquema dominante seguiu consistindo nunha gran maioría galegofalante á que se sobrepoñía unha minoría castelánfalante instalada en ámbitos de poder administrativo, relixioso ou educativo, con grande capacidade de influencia sobre o resto da poboación.

Os inicios de recuperación do galego déronse no Rexurdimento, no ámbito literario e, posteriormente, noutros ámbitos formais e públicos, grazas ó labor das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Pero esta relativa recuperación lingüística esmoreceu completamente coa ditadura derivada da Guerra Civil, que conlevou de novo a desaparición do galego dos ámbitos formais. Haberá que agardar á morte de Franco (1975) e ó réxime democrático, materializado na Constitución de 1978, para saír desa "longa noite de pedra" que viviu o galego e iniciar o proceso de normalización lingüística que libere progresivamente o galego da súa situación de minorización.

A normalización lingüística do galego. Estado actual e porvir da lingua galega

O proceso de normalización lingüística dunha lingua céntrase na planificación de estratexias encamiñadas á ampliación de usos e número de falantes. No caso do galego, o proceso iníciase en 1981 co Estatuto de Autonomía, que supuxo o recoñecemento legal do galego e, máis concretamente, en 1983 coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística, que outorga un papel vital ás institucións públicas para que este proceso se leve a cabo.

Aínda así, a pesar da recuperación funcional do galego a nivel cultural, institucional, no ensino, medios de comunicación, etc., este proceso está inacabado, pois aínda existen ámbitos sociais (empresarial, xustiza, igrexa…) nos que o seu uso segue sendo minoritario.

A recuperación funcional do galego débese tanto á acción institucional como ás iniciativas individuais e colectivas. A Administración ten a obriga política e legal de tomar iniciativas que impulsen a normalización da lingua. A antiga Dirección Xeral de Política Lingüística, dependente da Consellería de Educación e que actuaba prioritariamente no eido da escola e educativo, pasou a ser hai uns anos a Secretaría Xeral de Política Lingüística e depender da Consellería de Presidencia. Este cambio provocou que este organismo ampliase máis claramente o seu ámbito de intervención máis aló do ensino. Noutros niveis da Administración, as Deputacións e os Concellos tamén destinan parte dos seus orzamentos á normalización da lingua. Nos concellos existen, por exemplo, servizos de normalización lingüística, aínda que o ritmo das súas actividades e os seus resultados son diversos e dependen de cada concello.

Á marxe das institucións públicas, foron xurdindo tamén distintas organizacións con iniciativas normalizadoras en distintos colectivos sociais:

  • Mesa pola Normalización Lingüística
  • Asociación Socio-Pedagóxica Galega
  • Nova Escola Galega
  • Pais e nais polo ensino en galego
  • Asociación de Escritores en Lingua Galega

Pero, ademais da responsabilidade institucional e as iniciativas normalizadoras destes colectivos, cada individuo ten que asumir a súa responsabilidade e compromiso para que a lingua galega sexa normal na súa sociedade e teña asegurado o seu futuro.

Entradas relacionadas: