Industrialización e Reforma Agraria en España (s. XIX)

Enviado por Marapeih y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,79 KB

Atraso e Desenvolvemento Económico en España

Mentres en Inglaterra se producía unha renovación na agricultura e a extensión de novos sistemas de produción fabril coa Revolución Industrial, xerando un gran crecemento económico no marco do capitalismo industrial e financeiro, España experimentaba un proceso máis lento.

Aínda que o inicio da industrialización en España foi temperán, os seus progresos foron inferiores ós dos países máis avanzados. Fálase dun patrón latino de modernización caracterizado por:

  • Lentitude e tardanza nas transformacións.
  • Menor repercusión social.
  • Desfase evolutivo, cun atraso no crecemento no século XIX.

O proceso industrial español presenta características como:

  • Predominio das actividades do sector primario.
  • Protección arancelaria para defender os produtos propios.
  • Dependencia do exterior.
  • Forte desequilibrio territorial e rexional.

O Capitalismo en España

Segundo o capitalismo, o Estado non debía intervir nas actividades económicas. A liberdade económica debía ser absoluta, baseándose no libre xogo da oferta e da demanda. O capital era o factor clave da produción, e o seu propietario debía empregalo para obter beneficios continuos mediante o investimento constante. Estes principios tiveron unha aplicación lenta e incompleta na España liberal.

A lexislación económica do Antigo Réxime foi modificada para facilitar a liberdade económica e o desenvolvemento capitalista, un proceso iniciado polas Cortes de Cádiz. No mercado exterior, as opinións oscilaban entre a defensa do librecambismo e do proteccionismo. A lexislación arancelaria foi predominantemente proteccionista, o que atrasou o crecemento.

Dificultades do Desenvolvemento Económico

O desenvolvemento económico da España liberal estivo marcado por numerosas dificultades:

  • Obstáculos físicos e naturais.
  • Escasas transformacións nos sistemas agrarios.
  • Reducida capacidade de consumo do mercado interior.
  • Falta de competitividade dos produtos españois.
  • Despreocupación polas innovacións tecnolóxicas e educativas.
  • Escaseza de capitais e preferencia por investimentos inmobiliarios ou especuladores.
  • Mentalidade tradicional de empresarios e políticos.
  • Escaso espírito de empresa.

A Reforma Agraria Liberal e as Desamortizacións

No Antigo Réxime, diversas normas, leis e prácticas limitaban a produción agrícola e a propiedade da terra. A burguesía liberal consideraba imprescindible unha reforma agraria para converter a propiedade da terra nun ben libre, privado e individual.

Para iso era preciso:

  • Abolir o réxime señorial.
  • Desamortizar as terras eclesiásticas e comunais.
  • Desvincular os morgados.
  • Suprimir as servidumes colectivas e o décimo eclesiástico.
  • Autorizar a liberdade de cultivos.

O Proceso Desamortizador

A medida máis importante foi a desamortización dos bens de mans mortas eclesiásticas e os baldíos e terras de comúns e propios dos concellos. O proceso desamortizador foi longo, debido á masa de bens afectados e ás disputas políticas e ideolóxicas.

As Cortes de Cádiz promulgaron un decreto xeral de desamortización en 1813, poñendo en venda os bens dos afrancesados, das ordes militares, dos conventos suprimidos ou destruídos, xunto con parte do patrimonio da Coroa e dos baldíos e terras dos concellos. Estas medidas tiveron escasa vixencia pola restauración do absolutismo. Volveron poñerse en práctica no Trienio Liberal, pero foron paralizadas polos gobernos de Fernando VII.

Entradas relacionadas: