A Hominización e a Humanización: Unha viaxe evolutiva
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 14,46 KB
Hominización
Hominización
Humanos e chimpancés descenden ambos de simios que vivían hai sete millóns de anos, polo tanto, temos antepasados comúns. Pero isto non significa que o ser humano descenda do mono, senón que compartimos o mesmo tronco primate.
Hominización: Proceso que permitiu que a especie humana evolucionase, desde os seus antecesores ata o Homo sapiens sapiens. É un proceso prolongado no tempo que comeza coa aparición dos primates.
Cambios Anatómicos
A orixe do ser humano comeza cun simio que sofre modificacións no seu corpo: adopta unha postura erguida que lle permite trasladarse sobre as súas patas traseiras, o seu cerebro medra e a súa man acúrtase. Sen embargo, estes cambios non foron triviais, pois deron lugar a cambios importantes na nosa especie.
- Bipedestación: Un cambio climático a finais do Mioceno levou os homínidos do bosque ás planicies da sabana. Para atravesar os claros, non era suficiente a locomoción arborícola, polo que se viron obrigados a desprazarse coas súas patas traseiras. A postura bípeda foi o primeiro cambio que xerou outros tan importantes como a liberación das mans. Ademais, esta postura supuxo o desenvolvemento da columna vertebral e permitiu o enrolamento do cerebro e, polo tanto, a encefalización.
- Encefalización: O cerebro gaña cada vez máis volume e máis conexións neurolóxicas. A causa deste crecemento ben dada pola fabricación de ferramentas, a complexidade da vida social e a súa dieta. Que empezasen a comer carne supuxo que dispuxesen de máis enerxía, o que permitiu que o cerebro cada vez traballase máis e aumentase o seu tamaño. Paralelamente, as mandíbulas reducíronse debido a unha mutación nos xenes.
- Acurtamento da man: A proporción da man e dos dedos acúrtanse. Sen embargo, o polgar alóngase. Isto provoca unha manipulación dos instrumentos máis doada.
Cambios Fisiolóxicos
A liberación das mans permitiu ao homínido fabricar ferramentas. Sen os útiles que constrúe, o homínido estaría desprotexido, pois o seu corpo é cada vez menos tosco. Sen embargo, o seu cerebro faise máis capaz, compensando esta anatomía vulnerable, que irá dirixindo con acerto.
- Liberación das mans: Foi unha consecuencia directa da nova postura bípeda. As mans quedan libres ao non necesitar os brazos para desprazarnos. O mellor dominio da man foi posible grazas a un cerebro maior. Os dedos adquiriron unha gran variedade de movementos, necesarios para manipular mellor as ferramentas.
- Plasticidade biolóxica: A criatura humana é a que posúe o máis longo período de dependencia, polo que resulta primordial para a súa supervivencia a aprendizaxe cultural.
- Particularidades da reprodución: O ser humano non posúe épocas de celo para a súa reprodución, a súa capacidade reprodutiva está activa durante todo o ano.
Cambios Sociais
Vida en sociedade. O modo de vida dos homínidos vaise facendo cada vez máis social. Quizá o cambio do bosque á planicie africana os empurrou á cooperación para conseguir alimento e manipulalo. As tarefas colectivas obrigaron a organizar e repartir distintas ocupacións dentro do grupo. Para isto, faise necesario un medio de comunicación: a linguaxe.
- Intensificación da vida social: A cooperación entre os membros do grupo faise necesaria para a mellor organización, como organizar estratexias, fabricar ferramentas, cociñar… Os homínidos manteñen unha longa dependencia maternal debido ao seu proceso de maduración, de aí que a súa capacidade de aprendizaxe sexa mellor.
- Linguaxe: Como resultado da vida social, faise imprescindible unha forma de comunicación. Para que esta comunicación se desenvolva, é esencial que a capacidade cerebral aumente. Existe unha relación entre a maduración cerebral e a capacidade lingüística.
Na actualidade, a linguaxe é para nós algo que xorde case sen esforzo. Dispoñemos dun cerebro programado para falar e aprender automaticamente a lingua que escoitamos durante a infancia.
Moitos sinalan que a grande interacción dos homínidos é o factor clave da hominización, xa que existe un incremento constante da intelixencia que impulsaría o desenvolvemento e posibilitaría a aparición da linguaxe. Este é tamén o camiño á humanización, que comezou non só porque teñan forma humana, senón porque o seu comportamento empeza a mostrarse do mesmo xeito.
Humanización
É o proceso que nos conduce de homínidos con corpo antropomorfo ou de forma humana a homes. No ser humano, a característica diferencial con respecto a outros seres non está na súa forma anatómica propia, senón na súa capacidade intelectual.
O proceso de humanización céntrase nos cambios que experimenta a conduta. Esta deixa de ser instintiva e imitativa para centrarse na aprendizaxe e na transmisión de información. O resultado final é a cultura, que nos dota da posibilidade de ser animais con maior capacidade de adaptación e resposta a calquera circunstancia e menor dependencia dun contexto ecolóxico concreto.
- Factores: Para chegar a rematar o proceso que implica o paso de hominización a humanización, houbo unha serie de factores que foron determinantes. Todos eles contribuíron á creación dunha base cultural. A cultura forma parte da natureza humana, ademais de definir e diferenciar a nosa especie. Transmítese mediante un factor clave: a linguaxe. Exixen outros que a continuación presentamos:
- Descubrimento do lume
- Fabricación de ferramentas
- Agricultura e gandería
- Organización social
- Pensamento: Todos os factores de humanización apuntan á necesidade dunha capacidade cada vez maior coa que realizar operacións mentais cada vez máis complexas. Esta capacidade é o pensamento. Grazas ao pensamento, interpretamos toda a información que chega ao cerebro mediante a razón e a imaxinación, facendo posible a aparición da vida afectiva. A temporalidade tamén é un trazo humano, grazas ao cal podemos entender o pasado e proxectar plans de futuro que nos empuxan a actuar. Todas estas características sepárannos dos demais animais.
- A linguaxe: Un dos trazos que caracteriza o ser humano e o diferencia do resto dos animais é a linguaxe articulada. A través da articulación de signos sen sentido, o home pode compoñer palabras e oracións que si teñen sentido. Isto é así debido a que a linguaxe humana caracterízase por ser simbólica, o que significa que elabora e utiliza signos convencionais.
Unha palabra é un signo lingüístico porque substitúe a cousa que nomea. É un signo convencional porque é arbitrario. A convención que todos aceptamos entre a palabra e o que simboliza une a toda a comunidade e sepáraa doutras que empregan signos distintos, que falan linguas diferentes. Grazas a esta capacidade de asociación, desenvólvese a capacidade simbólica. O uso de símbolos posibilita a aparición do pensamento abstracto. Sen esta capacidade, non existiría a cultura humana e as súas diferentes parcelas.
Co símbolo, o ser humano tamén pode transmitir sentimentos, ideas… Ademais, só grazas á capacidade simbólica podemos pensar e falar sobre o pasado e o futuro. Estas dúas características tamén distinguen o home do resto dos animais. A linguaxe e o pensamento están intimamente relacionados.
Natureza e Cultura
A Natureza
Os gregos aplicaron o termo natureza ao que realmente define algo, é dicir, as propiedades, composición e xenes dunha cousa. Grazas a dita esencia, unha cousa é como é e, tamén grazas a ela, é diferente ás demais.
Neste sentido, a natureza humana é a nosa esencia, posto que é común a tódolos seres humanos e, ao mesmo tempo, diferente á de todos os demais. Ao longo da historia, falouse de que a nosa esencia consistía en que temos alma, somos animais racionais ou estamos provistos de conciencia.
Cultura
Conxunto complexo que inclúe coñecementos, crenzas, arte, moral, dereito, costumes e outras capacidades ou hábitos adquiridos polo ser humano como membro dunha sociedade.
Necesidade de cultura no ser humano
Ao mundo cerrado, propio do animal, contraponse o mundo aberto do ser humano. O home non ten instintos que resolvan espontaneamente situacións propias do seu hábitat, pero tampouco o condicionan. Unha proba disto é que o ser humano se estendeu polos cinco continentes e colonizou todo e inventou unha nova forma de vida.
A carencia de instintos fai que o animal humano resolva os seus problemas empregando a gran capacidade cognoscitiva que posúe. Con ela, non só pode manexar, transmitir e almacenar información, senón que tamén dispón de diversas respostas para un mesmo problema. A cambio, o ser humano carece de instinto.
Proceso de socialización
O proceso de socialización consiste en desenvolver capacidades neuronais que, doutro xeito, se perderían. Estas capacidades permítennos adaptarnos á comunidade e así poder vivir en sociedade.
- Características:
- Aprendizaxe de patróns culturais.
- Interiorización.
- Estabilidade psicolóxica.
Este proceso prodúcese mediante a relación cos demais, que condiciona de modo profundo a nosa forma de pensar.
- Etapas: A socialización é un proceso que dura durante toda a vida, pero é determinante na nenez. Por iso, distínguense dúas etapas que dependen da traxectoria persoal de cada individuo:
- Socialización primaria
- Socialización secundaria
- Axentes: O proceso de socialización lévase a cabo en grupos denominados "axentes". Na familia apréndense pautas de comportamento e valores, ademais de estimular a capacidade cognoscitiva e de falar. Outro axente de socialización moi importante son as escolas.
Diversidade cultural
As diferentes culturas dispoñen de distintas maneiras de levar a cabo o proceso de socialización, o que provoca ás veces conflitos dada a variedade de criterios que cada un establece á hora de interpretar o mundo. Fronte á natureza humana, que é universal, as culturas son particulares. Mesmo os que se consideran universais culturais, trazos comúns a todas as culturas, interprétanse de distinta forma dependendo de cada cultura. As culturas mestúranse, contamínanse e modifícanse, e así prodúcese o multiculturalismo (convivencia de múltiples culturas nun único espazo).
Etnocentrismo
É unha actitude ante a diferenza cultural que consiste en crer que a propia cultura é a única axeitada e mesmo superior a calquera outra. Esta foi sempre a postura que adoptaron as culturas imperialistas ao invadir outros pobos. A consecuencia disto é identificar o desenvolvemento cultural exclusivamente coa propia cultura. Todo o que é distinto á nosa cultura tachámolo de irracional e primitivo.
Relativismo
Xorde coa intención de superar os prexuízos etnocéntricos. Só podemos entender un determinado trazo cultural dentro da cultura que o provocou, e todas as culturas do mundo son igual de dignas e importantes. Esta actitude de respecto supuxo un claro avance ao fomentar a tolerancia, pero xorde un novo problema porque, por un lado, considérase que non se debe cambiar o que é tradicional e, por outro, non se fomenta o diálogo intelectual. Isto produce un estancamento en vez dunha evolución.
Pluralismo cultural
No mundo, é cada vez máis necesario unha actitude coherente cara ao crecente multiculturalismo. Así, fronte ao etnocentrismo e ao relativismo cultural, o pluralismo cultural defende a interculturalidade como actitude de diálogo e respecto ás diversas culturas que existen nun mesmo espazo xeográfico.
O pluralismo cultural propón un modelo diferente, onde todas as culturas se encontran en condición de igualdade. Ademais, a convivencia harmoniosa entre elas é un trazo cultural de grande importancia. Se se segue este modelo, recoñeceríase a todas as culturas a posibilidade de ser diferentes entre si, pero iguais en canto á dignidade e dereitos.
O acto moral
O acto moral
Todos temos unha valoración dos nosos actos e dos demais. O feito de ser morais está marcado na nosa natureza, pois a moralidade parece ser un dos trazos definitorios do ser humano. Todo acto moral é unha acción voluntaria que está sometida a valoración ética.
Acción, normas e valores morais
Para que un acto sexa definido como moral, precísase que sexa un acto voluntario. Ademais, debe ser obxecto de valoración e xuízo social baixo os cualificativos de bo ou malo. Este xuízo baséase en principios ou valores morais e constitúese en normas morais, que en ocasións se establecen en códigos de conduta escrita.
Pautas e valores morais: Son aspectos particulares do conxunto dos hábitos e crenzas culturais de cada comunidade e adquírense a través de determinados procesos de socialización.
A pesar das distintas formas culturais e morais, existen numerosos universais éticos transculturais. Así, algúns valores como a lealdade e o amor filial son principios que se manifestan en todas as culturas humanas.
A ética ante os retos da sociedade actual
Ética e Moral
- A ética establece xuízos morais referidos a unha acción ou decisión. Neste tipo de xuízos, están presentes termos tales como bo, malo, correcto…
- A moral fai referencia a un conxunto de costumes, crenzas, valores e normas dunha persoa que nos orienta acerca do ben ou do mal, ou do correcto ou incorrecto, dunha acción.
Diferenzas entre ética e moral
As dúas disciplinas refírense a normas que deben guiar o noso comportamento de forma obrigatoria.
- Moral: Refírese a un código de prohibición e prescrición aceptado por un grupo social ou moralista.
- Ética: Analiza os principios filosóficos que son a base dese código de conduta que constitúe a moral.
Así, mentres que a moral é concreta, a ética é unha reflexión abstracta que permite cualificar a conduta humana en termos de maldade e bondade.