Historia da Lingua Galega: Da Orixe á Actualidade

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Matemáticas

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,85 KB

Introdución

As linguas románicas acadan a madureza a partir do século VIII. Os primeiros documentos escritos en galego datan de finais do século XII. Desde finais do século XIV ábrese unha paréntese de tres séculos de decadencia. A perda de prestixio lingüístico sufrido nesta etapa trouxo consecuencias negativas para a vida social que aínda son perceptibles hoxe.

Galego Antigo

O período medieval da historia do galego esténdese desde o século IX ata o XV. A lingua deste período recibe o nome de galego antigo ou galego-portugués.

Evolución e periodización do galego antigo

O galego nace e é falado no territorio que abarcaba a antiga Gallaecia romana; isto é, o que hoxe corresponde a Galicia, o norte de Portugal ata o río Douro e unha franxa occidental de Zamora, León e Asturias. O galego (portugués) experimentará a partir do século XV un acusado proceso de marxinalización en Galicia que practicamente o deixará reducido á condición de dialecto rústico e iletrado ata o albor do século XIX.

O galego antigo ata 1350

Durante a Baixa Idade Media, o galego comeza a disputarlle ao latín a condición de lingua da cultura e da administración que este posuíra en solitario ata o século XIII. Os textos literarios máis antigos dos que temos noticia son do século XIII. Falamos de poesía lírica trobadoresca, cuxa cantiga máis antiga pode datarse arredor do 1200. Entre 1200 e 1350 transcorre a época de esplendor do galego medieval representada sobre todo polos trobadores da Escola Lírica Galego-Portuguesa. O galego cultívase, ademais de na literatura, nas áreas da administración civil e de xustiza, na economía, na ciencia e na técnica, na vida eclesiástica e relixiosa. Todos os documentos públicos e privados son redactados na única lingua que a sociedade entende e fala decote, o galego.

O galego antigo desde 1350

Desde mediados do século XIV, a situación cultural e lingüística do reino empeora. O noso país, baixo o influxo dunha forte inercia castelanizadora que afecta a toda a clase dominante galega. Con potencias peninsulares en ascenso (León e sobre todo Castela), Galicia acaba converténdose nun satélite do reino castelán. O galego cede gradualmente o seu terreo, como lingua de uso habitual na administración e na redacción de todos os documentos elaborados no noso territorio, ao castelán, que foi converténdose na lingua hexemónica en todos os reinos peninsulares, agás en Portugal.

Características do galego antigo

Os documentos escritos da época presentan unha gran variabilidade lingüística e gráfica inestable. Distinguiremos dúas etapas correspondentes aos períodos trobadoresco e postrobadoresco.

Época trobadoresca (ata o século XIV)

Fonoloxía
  • Vocalismo: Presenza de vogais nasais e abundancia de hiatos.
  • Consonantismo: Sistema de sibilantes xordas e sonoras.
Morfoloxía
  • Xénero invariable dos nomes rematados en -or, -ol, -és, -ante.
  • Formas átonas.
  • TE con valor de CD e CI.
  • Mesóclise pronominal (intercalación dun pronome átono nunha forma verbal perifrástica).
  • Tempos compostos.
  • Formas arcaicas.
  • Participio en -udo.
Sintaxe
  • Emprego do artigo partitivo.
  • Uso do posesivo sen artigo.
Léxico
  • Galicismos.
  • Provenzalismos.
  • Voces desaparecidas.

Época postrobadoresca (desde o século XIV)

Grafia
  • Vacilación nas sibilantes xordas e sonoras.
  • Preferencia de -nn- e -ll- fronte a -nh- e -lh-.
  • Preferencia de -oi- no canto de -ui-.
Morfosintaxe
  • Aparición do pronome persoal átono che alternado con te.

Galego Medio

O castelán convértese en Galicia na única lingua oficial e compartirá co latín o carácter de lingua da cultura. O galego perderá totalmente os seus usos formais desde os comezos da Idade Moderna. O galego reduce o seu ámbito de uso aos rexistros coloquiais da vida cotiá, asumindo un papel subalterno con relación ao castelán.

A decadencia do galego

Os séculos XVI, XVII e XVIII constitúen o período do galego medio, o máis delicado na historia da nosa lingua, pois a cultura de expresión galega cae nun estado de prostración que coincide cos momentos máis brillantes das letras castelás e portuguesas. En toda esta longa etapa a única lingua que falaba en Galicia a gran maioría da poboación era o galego.

Séculos XVI e XVII

O galego practicamente só se conservaba no plano oral e nos niveis de uso lingüístico popular e vulgar. O galego tampouco ten consideración de lingua de cultura no momento en que se inventa a imprenta. A igrexa convértese nun dos factores desgaleguizadores máis importantes de todos os tempos.

Século XVIII

Por primeira vez, moitos anos despois que outras linguas románicas, o galego convértese en obxecto de preocupación lingüística e mesmo ideolóxica. Son os primeiros pasos na consolidación das condicións que posibiliten o rexurdir cultural do século XIX.

Características do galego medio

Fonoloxía
  • Vocalismo: Perda da nasalidade vocálica e mantemento das vogais átonas.
  • Consonantismo: Enxordecemento e redución do sistema de sibilantes.
Morfosintaxe
  • Distinción de te/che, para CD e CI.
  • Alternancia llo/llelo.
Léxico
  • Entrada de moitos castelanismos.

Galego Moderno

A época coñecida como Idade Contemporánea (séculos XIX, XX e XXI) está marcada polo desenvolvemento dun proceso de dignificación social e recoñecemento cultural do idioma galego, que ten como consecuencia máis salientable a recuperación escrita.

Os primeiros anos (1808-1833/1840)

Nos primeiros anos do século XIX, durante a francesada, o galego recupera o ámbito da escrita, que se manifestará cunha forte carga propagandística.

O Prerrexurdimento (1833/1840-1863)

Na década de 1830 o Estado liberal realiza unha nova estruturación administrativa e territorial do Reino e crea un sistema escolar independente da Igrexa. A nova división administrativa repartía o territorio do antigo reino de Galicia en catro provincias. Xorde entre certos sectores da pequena burguesía liberal un movemento coñecido como provincialismo, que ten como presuposto ideolóxico a reivindicación da unidade de Galicia como provincia única e indivisa. O provincialismo supón o primeiro paso cara a unha toma de conciencia política de carácter galeguista. Os provincialistas reclamaron para os cidadáns galegos o dereito a seren escolarizados na lingua propia. No ano 1861 convócase na Coruña un concurso poético, os "Primeiros Xogos Florais". Os poemas galardoados foron publicados en forma de libro baixo o título de "El Álbum de la Caridad", converténdose así na primeira antoloxia da poesía galega moderna.

O Rexurdimento pleno (1863-1900)

Cantares gallegos (1863) de Rosalía, primeiro libro monolingüe galego, é o evento que marca o inicio do Rexurdimento pleno das nosas letras. No 1880 publícanse, entre outras obras, Follas novas de Rosalía, e Aires da miña terra, de Curros. Con catro séculos de atraso fronte ao castelán e ao portugués, publícanse as primeiras gramáticas do galego: a de Francisco Mirás. Aparecen os primeiros dicionarios bilingües de galego-castelán. Xorde a prensa en galego. Nace a primeira editorial galega, Biblioteca Gallega. A partir do 1889, o galeguismo vive unha segunda xeira coñecida como rexionalismo, movemento herdeiro do provincialismo que ten como principais valedores a Alfredo Brañas e a Manuel Murguía.

Entradas relacionadas: