Guía do Quecemento Deportivo: Beneficios, Efectos e Tipos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Deporte y Educación Física
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,34 KB
Quecemento: Definición
O quecemento deportivo é un conxunto de exercicios de todos os músculos e articulacións ordenados dun modo gradual e progresivo, coa finalidade de preparar o organismo para un mellor rendemento físico e para evitar posibles lesións deportivas.
Finalidade do Quecemento
O quecemento consiste en realizar unha serie de tarefas que provocan un aumento da temperatura corporal e da eficiencia muscular. A súa intensidade incrementarase gradualmente, é dicir, ao principio quéntase con exercicios de baixa intensidade e logo con exercicios de maior intensidade, para non forzar o corpo e ir preparándoo aos poucos.
A finalidade do quecemento é conseguir que o noso corpo alcance un nivel de funcionamento adecuado de forma paulatina. Dese modo, ao iniciar unha actividade poderemos render ao máximo e ademais previr posibles lesións.
Beneficios do Quecemento
Entre os beneficios xerais do quecemento atópanse:
- Mellora das posibilidades orgánicas de tipo fisiolóxico e físico.
- Mellora do movemento corporal ao afectar á coordinación e o equilibrio.
- Mellora da actividade cardíaca e a respiración.
- Mellora da actuación na actividade.
- Prevención de lesións ao protexer os músculos e as articulacións.
Efectos sobre o organismo
- Aumento da temperatura corporal: Nun adulto, pode subir por encima dos 38,5 °C.
- Aumento do rego sanguíneo e da irrigación dos músculos, o que proporciona maior achega de osíxeno e evacuación do dióxido de carbono.
- Aumento da actividade pulmonar e mellora na utilización do osíxeno.
- Aumento da velocidade de contracción muscular.
Que Pasa Cando Quecemos?
O ritmo do corazón e a respiración aumenta. Isto seguramente é o principal signo de que o corpo se está adaptando ao esforzo progresivo ao que se ve sometido.
Por outro lado, os músculos comezan a funcionar de xeito máis eficiente, xa que chegan a eles máis nutrientes e osíxeno. As contraccións musculares vólvense máis fluídas e eficientes.
Do mesmo xeito, o funcionamento das articulacións vese tamén favorecido: o movemento provoca un aumento da lubricación nas articulacións, o que favorece unha maior mobilidade articular.
Pero non só temos unha mellora orgánica cando realizamos un quecemento. As nosas habilidades coordinativas e técnicas tamén melloran. Isto sucede porque o cerebro tamén se ve afectado por este proceso, e unha das consecuencias é que o individuo se centra mellor nas tarefas que está realizando e que posteriormente vai realizar. Isto chámase focalización da atención.
Unha vez rematado o quecemento, se está ben realizado, estaremos en condicións de afrontar os retos deportivos que teñamos en fronte, nas mellores condicións que o noso nivel de rendemento nos permita.
Tipos de Quecemento
Con carácter xeral pódese falar de:
Quecemento xeral
É o que prepara o corpo, cunha intensidade baixa, para realizar unha actividade física determinada. Non está orientado a ningunha modalidade ou actividade concreta.