Glosario de Termos Históricos
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 15,57 KB
A
Academia
Academia: Sociedade oficial que agrupa escritores, artistas, filósofos e científicos para discutir sobre o coñecemento e axudar á súa difusión.
Afrikakorps
Afrikakorps: Forza militar alemá enviada ao norte de África en 1941, durante a Segunda Guerra Mundial, para axudar ás tropas italianas que estaban sendo derrotadas polos británicos. O seu comandante era o mariscal Rommel, chamado o Raposo do Deserto.
Apartheid
Apartheid: Sistema social baseado na segregación racial que foi imposto polos gobernos de África do Sur desde 1948. Supoñía o dominio da minoría branca sobre as outras comunidades, especialmente a maioría negra. Establecía a separación racial en lugares públicos e impedíalles ás comunidades non brancas ocupar postos no goberno, votar, etc. Foi abolido no ano 1993.
Armisticio
Armisticio: Cese das hostilidades pactada entre pobos, países ou exércitos belixerantes.
Asemblea Nacional Constituínte
Asemblea Nacional Constituínte: Asemblea elixida por sufraxio que representa a vontade da nación e que se encarga de redactar unha Constitución. Unha vez aprobada esta, disólvese para, posteriormente, convocar eleccións a unha Asemblea Lexislativa.
Autarquía
Autarquía: Política dun Estado que aspira a abastecerse cos seus propios recursos. Preténdese reducir ao mínimo as importacións e estimular a produción no interior do país de todo o que se consome.
B
Baioneta
Baioneta: Coitelo dos soldados de infantería, que se axusta á boca do fusil.
Barbeito
Barbeito: Terra que non se sementa durante un tempo para que descanse e poida recuperar a materia orgánica e a humidade. Usábase nos sistemas de rotación bienal e trienal de cultivos.
Bóxeres
Bóxeres: Na China de finais do século XIX, grupo disidente á intervención colonial no país, chamados "boxeadores" polos ingleses a causa da práctica das artes marciais que realizaban. Entre xuño e agosto de 1899, os bóxeres atacaron as embaixadas estranxeiras en Pequín, producíndose un grave enfrontamento que foi sufocado militarmente.
T
Taylorismo
Taylorismo: Método de organización industrial, xurdido a comezos do século XX, cuxa finalidade era aumentar a produtividade a base de eliminar os movementos inútiles que facían os obreiros e optimizar o tempo empregado, para, deste xeito, reducir custos.
C
Camarilla
Camarilla: Conxunto de persoas que inflúen subrepticiamente nos asuntos de Estado ou nas decisións dalgunha autoridade superior.
Cantonalismo
Cantonalismo: Movemento insurreccional acontecido durante a Primeira República española que aspiraba a dividir o Estado en territorios case independentes.
Censura previa
Censura previa: Exame exercido anticipadamente polas institucións correspondentes (políticas, relixiosas…) sobre calquera manifestación artística, publicación, etc., antes de ser aprobada ou denegada a súa execución ou impresión.
Cochinchina
Cochinchina: Zona meridional de Vietnam que ocupa a área do delta do Mekong. Limita ao norte con Camboxa, e está aberta ao mar de China Meridional e ao golfo de Tailandia.
Colaboracionistas
Colaboracionistas: Goberno ou cidadáns dun país que cooperan cunhas forzas de ocupación inimigas consideradas antipatrióticas pola maioría da poboación.
COMECON
COMECON: Organización de cooperación económica formada, en 1949, en torno á URSS e aos países socialistas, cuxo obxectivo era o incremento das relacións comerciais entre os Estados membros. Estivo en vigor ata o ano 1991.
Concordato
Concordato: Tratado entre o goberno dun Estado e a Santa Sé sobre asuntos eclesiásticos.
Culto á personalidade
Culto á personalidade: Conxunto de cerimonias con que se manifesta veneración e admiración excesiva polas calidades dun líder político.
D
Depreciación
Depreciación: Efecto de rebaixar o valor dunha moeda.
Disidente
Disidente: Persoa que non está de acordo, que discrepa, co sistema político, social ou económico no poder e expresa o seu desacordo.
Ditadura do proletariado
Ditadura do proletariado: Forma de Estado postulada polo marxismo en que a clase proletaria se establece como dominante e exerce o control sobre o resto de clases sociais, en especial sobre a burguesía. Constitúe unha etapa de transición cara á consecución dunha sociedade comunista sen clases.
División Azul
División Azul: Unidade militar española de voluntarios que serviu no exército alemán, principalmente na fronte rusa, durante a Segunda Guerra Mundial, entre 1941 e 1944.
E
Empréstito
Empréstito: É unha forma de captar diñeiro por parte do Estado ou empresas emitindo un conxunto de valores, que a xente pode comprar. A cambio, a entidade comprométese a devolver o diñeiro no prazo e os xuros pactados. Estes valores, chamados títulos, pódense comprar e vender, isto é, poden cambiar de propietario.
Espazo vital
Espazo vital: Expresión utilizada polo nazismo para defender a necesidade de Alemaña de dispor dun territorio acorde coa súa poboación. Pretendíanse restaurar as fronteiras de Alemaña anteriores á Primeira Guerra Mundial e expandirse cara ao Leste, a expensas das consideradas "razas inferiores".
F
Federalismo
Federalismo (estrutura federal): Sistema político que pretende a asociación de distintos Estados, que conservan algúns poderes, pero delegan outros nun organismo superior, a quen pertence a soberanía.
Fordismo
Fordismo: Modo de produción en cadea ou en serie que impulsou Henry Ford, fabricante dos primeiros automóbiles nos EUA. Baseábase en dividir o traballo de produción en diferentes etapas especializadas, no control do tempo produtivo do obreiro e na utilización de máquinas especializadas. Os resultados foron un aumento da produción e a redución de custos. Tamén se caracterizou por unha mellora de salarios dos obreiros. Hai que sinalar que o fordismo se fundamentaba no método de organización do taylorismo.
Fotografía
Fotografía: Procedemento técnico inventado en 1839 que permite obter imaxes permanentes sobre unha superficie convenientemente preparada, por medio da luz e outras radiacións electromagnéticas.
G
GESTAPO
GESTAPO: Policía secreta do Estado nazi alemán creada en 1933. Estaba baixo a administración das SS e a súa función era investigar e perseguir todas as "tendencias perigosas para o Estado".
Guano
Guano: Materia excrementiva de aves mariñas que se atopa acumulada en gran cantidade nas costas e que se utiliza como fertilizante na agricultura.
Guerrilla
Guerrilla: Grupo autónomo formado por voluntarios armados que fustrigan o inimigo. Actúan sobre un terreo que coñecen, con apoio da poboación, eluden o combate aberto e a súa función é minar a moral do inimigo e facerlle moi difícil o control efectivo do territorio.
Gulag
Gulag: Acrónimo ruso para denominar a Dirección Xeral de Campos de Traballo do réxime soviético stalinista. Este organismo administraba a rede de campos de concentración, que recluía os disidentes políticos, e ordenaba o sistema de traballos forzados a que estaban sometidos.
V
Veto
Veto (dereito de): Dereito do monarca, ou de calquera outra institución, a impedir a entrada en vigor dunha lei aprobada pola Asemblea ou Parlamento. No Consello de Seguridade da ONU, por exemplo, os cinco membros permanentes (Estados Unidos, Rusia, China, Francia e Reino Unido) teñen dereito de veto, isto significa que, se algún destes países vota en contra dunha proposta, esta queda rexeitada.
H
Holocausto
Holocausto: Tamén chamado Shoá en hebreo, é o nome que se lle aplica á persecución e xenocidio dos xudeus durante a Segunda Guerra Mundial. Calcúlase que uns seis millóns de xudeus morreron a mans do réxime nazi.
I
Imperialismo
Imperialismo: Dominio dun país (denominado metrópole) sobre outros (chamados colonias) por medio da forza militar, económica ou política. Como consecuencia diso, a economía, a política e máis a cultura das colonias quedan sometidas aos intereses dos Estados estranxeiros colonizadores.
Indiana
Indiana: Tea estampada de liño ou algodón, ou de mestura dun e doutro, que recibe este nome por ser orixinaria da India. Xeralmente está pintada con raias e debuxos sinxelos, a unha ou dúas cores e por un só lado.
K
Kamikazes
Kamikazes: Pilotos da armada imperial xaponesa que, de xeito suicida, estrelaban os seus avións cargados de bombas contra os barcos dos aliados a finais da Segunda Guerra Mundial.
Kominform
Kominform: Acrónimo ruso referente á Oficina de Información dos Partidos Comunistas e Obreiros. Foi unha organización creada, en 1947, para o intercambio de información e experiencias entre os partidos comunistas baixo a influencia soviética, á que se sumaron os partidos comunistas de Francia e Italia. Disolveuse no ano 1956.
L
Lei Sálica
Lei Sálica: Lei que prohibe que unha muller herde o trono salvo que non existan fillos, irmáns ou sobriños do monarca anterior.
X
Xunta
Xunta: Órgano de poder xurdido por iniciativa popular na Guerra da Independencia española (1808-1814) para organizar a resistencia armada fronte ao invasor e asumir o poder, ao non aceptar a lexitimidade do novo monarca, Xosé I. As Xuntas persistiron ao longo do século XIX como Xuntas Revolucionarias, organismos utilizados polos progresistas para conseguir cambios no goberno.
Y
Yihad
Yihad: Guerra santa dos musulmáns que ten como obxecto estender o islamismo e defendelo contra todos aqueles considerados infieis. En árabe significa "esforzo".
M
Meixi
Meixi: Período da historia de Xapón, abranguido entre os anos 1868 e 1912, en que o país saíu do seu tradicional illamento internacional e iniciou a transformación das súas estruturas feudais. Supuxo o punto de partida da moderna sociedade xaponesa.
Morgado
Morgado: Institución que prohibía a venda do patrimonio familiar e obrigaba a deixalo intacto en herdanza ao primoxénito, garantindo a perpetuación das grandes familias nobiliarias.
Metrópole
Metrópole: Cidade que posúe colonias. No contexto do colonialismo do século XIX, nome dado a unha potencia europea con respecto ao seu imperio colonial.
Movemento de Países Non Aliñados
Movemento de Países Non Aliñados: Grupo de países, xurdidos maioritariamente tras a Segunda Guerra Mundial co proceso de descolonización, que querían conservar a súa posición neutral e non aliarse con ningunha das superpotencias. Aspiraban a desempeñar un papel activo na política internacional, amosando os seus intereses como países militarmente débiles e economicamente subdesenvolvidos.
N
Neocolonialismo
Neocolonialismo: Termo co que se designa o control indirecto, nos ámbitos cultural, político e principalmente económico, que exercen as antigas metrópoles sobre as súas ex colonias ou, en sentido máis amplo, os Estados ricos do mundo desenvolvido sobre os máis pobres do Terceiro Mundo.
R
Resistencia
Resistencia: Denominación que durante a Segunda Guerra Mundial se lle deu ao conxunto de organizacións clandestinas de loita contra o dominio nazi nos países ocupados por Alemaña. Realizaban accións de información, sabotaxe e guerrilla contra as tropas de ocupación alemás.
Rexente
Rexente: Persoa designada para exercer os poderes reais durante un período de tempo transitorio en caso de non poder facelo o monarca titular.
Réxime señorial
Réxime señorial: Sistema de organización social, económica e xurídica propio da maior parte de Europa durante a Idade Media, no que os señores percibían rendas e ingresos das súas terras e exercían xurisdición sobre elas.
Reunificación alemá
Reunificación alemá: Adhesión da antiga República Democrática Alemá baixo a xurisdición da República Federal Alemá, ratificada no Tratado de Unificación do 3 de marzo de 1990.
P
Pano de Aceiro
Pano de Aceiro: Concepto que, tras a Segunda Guerra Mundial, definía a fronteira simbólica que separaba a URSS e os seus Estados aliados, que tiñan unha ideoloxía comunista, de Estados Unidos e os seus aliados de Europa occidental, de economía capitalista.
Plan Marshall
Plan Marshall: Plan de reconstrución da economía europea impulsado polos Estados Unidos despois da Segunda Guerra Mundial, que lle debe o seu nome ao secretario de Estado americano George Marshall. Consistiu en axudas e préstamos aos países que quixeron acollerse e foi esencial para a recuperación económica de Europa.
Políticas de cohesión
Políticas de cohesión: Políticas que teñen como obxectivo reducir as disparidades económicas e sociais entre as rexións de Europa.
Pragmática Sanción
Pragmática Sanción: Lei de ordenación xurídica de 1830, promulgada por Fernando VII, pola que se derrogaba a Lei Sálica vixente en España desde 1713.
Pronunciamento militar
Pronunciamento militar: Alzamento militar para derrocar un Goberno, promovido por un xefe do Exército ou outro caudillo.
Pudelación
Pudelación: Xeito de refinar o ferro colado en altos fornos, queimando parte do seu contido de carbono, polo que o ferro resultante xa é ferro forxado, con mellores propiedades para a súa utilización.
Putsch de Múnic
Putsch de Múnic: Intento frustrado de golpe de Estado realizado entre o 8 e 9 de novembro de 1923 en Múnic por membros do Partido Nazi. Adolf Hitler foi detido e encarcerado pola súa participación nel.
S
Seccións de Protección (SS)
Seccións de Protección (SS): Organización militar e de seguridade do Estado creada polo Partido Nazi alemán na década de 1930, á que se lle encargou o control do exterminio dos xudeus.
Sitio
Sitio: Bloqueo militar dunha praza que se produce cando un exército atacante non pode controlala con facilidade e esta se nega a renderse. O cerco ou asedio adoita supoñer o ataque continuado á poboación, á que se lle impide todo tipo de abastecemento.
Stock
Stock: Cantidade de mercadorías que unha empresa ou organización ten en depósito á espera de seren distribuídas e/ou vendidas.