Galicia no primeiro terzo do século XX: Unha ollada á sociedade, economía, política e cultura

Enviado por Anónimo y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,85 KB

Galicia no primeiro terzo do século XX

A sociedade galega

A Galicia do século XX seguía sendo moi rural. Os propietarios da terra eran a Igrexa e a fidalguía, os superiores da sociedade. A sociedade era agraria, e nela convivían diferentes grupos:

  • A fidalguía: Extinguiuse definitivamente.
  • A burguesía: Apareceu xunto ao desenvolvemento da industria.
  • O campesiñado: Reivindicou a redención dos foros e experimentou un aumento do proceso de desruralización.
  • O proletariado: Organizouse a través de sindicatos, que participaron na política.

A economía galega

A modernización da economía posibilitou certas melloras na estrutura productiva do país:

  • As terras de cultivo: De propiedade do labrego, foron explotadas con novos sistemas e maquinaria, co que aumentou a súa produtividade.
  • O sector gandeiro: Transformouse, con importancia no bovino e porcino.
  • A industrialización: Acelerouse o proceso. O crecemento urbano trouxo a aparición de empresas de transporte e enerxía.

Emigración

A emigración continuou, sendo a máis intensa a transoceánica cara América.

O nacionalismo galego

Nestas décadas consolidouse o nacionalismo. Os principais movementos foron:

  • As Irmandades da Fala (1916): Desenvolveron, a partir da defensa da lingua, un ideario de reivindicación política nacionalista. Entre os principais persoeiros están Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte.
  • A Xeración Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923): Grupos centrados no labor literario e cultural, con figuras como Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao.
  • O Partido Galeguista (1931): Foi o principal valedor do Estatuto de Autonomía de 1936. Entre os seus membros estaban Castelao e Alexandre Bóveda.

En 1936 foi aprobado en referendo o Estatuto de Autonomía. Dúas semanas despois produciuse a sublevación militar do xeneral Franco e o comezo de corenta anos de ditadura.

Situación lingüística

O número de falantes monolingües en galego seguiu a súa liña descendente debido ao contexto diglósico, xa que o castelán era a lingua de ascenso social.

O período de preguerra significou un salto cualitativo na situación do galego culto. Este saíu do ámbito da literatura para se proxectar a todas as facetas da vida, recuperando o seu rango de lingua moderna e universal. En 1906 fundouse a Real Academia Galega. A partir de entón, é innegable a vinculación entre a defensa da nosa lingua e o movemento nacionalista. Así, o galego:

  • Foi obxecto de numerosos estudos.
  • Gañou presenza e difundiuse en novos espazos literarios e culturais.
  • Comezou a ser empregado en todo tipo de actos públicos.

A culminación deste proceso sería o malogrado Estatuto de Autonomía de 1936.

A lírica entre dous séculos

Coa chegada do novo século, os nosos autores quedaron en certo xeito ancorados na estética decimonónica. A maioría dos poetas deste momento experimentaron unha evolución común na súa traxectoria. Mais, co paso do tempo, foise dando unha transición, provocada pola influencia do modernismo español e portugués.

Antón Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 – Viveiro, 1947)

Estudou no seminario da súa vila natal e abandonou a carreira eclesiástica para ser mestre. Coñeceu figuras políticas e literarias do galeguismo como Otero Pedrayo. Xubilouse e viviu en Viveiro ata a súa morte.

Produción poética

É autor dunha soa obra, Do ermo, a cal tivo varias edicións, cambios de título e ampliación e supresión de diversos poemas. Distínguense dúas liñas:

  • Poesía costumista: Noriega retomou a estética decimonónica.
  • Poesía lírica pura: O autor supera o realismo costumista anterior. Os motivos e a lingua seguen a ser os mesmos, pero agora é o poeta quen se aproxima á natureza e fala adoptando un ton íntimo e emotivo.

A lírica das Irmandades

Ao redor da actividade das Irmandades da Fala (1916), o panorama cultural galego experimentou un gran desenvolvemento. O escritor comprometeuse de cheo coa lingua e cos presupostos do nacionalismo, ao tempo que apostou pola renovación das liñas literarias. A nosa lírica afástase de maneira decidida da súa tradición e frutifica a exploración de novos horizontes con altos graos de calidade literaria.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959)

Naceu en Cambados en 1876. Despois de realizar estudos no Seminario Menor de Santiago, emigrou a Cuba. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista emigrante. En 1915 volveu a Galicia e participou nas Irmandades da Fala, no Grupo Nós e no Seminario de Estudos Galegos. Ingresou na Real Academia Galega e na Real Academia Española como representante da literatura galega.

Produción poética

As súas influencias son:

  • A poesía das figuras do Rexurdimento.
  • A corrente modernista de ámbito iberoamericano.
  • Os poetas románticos europeos.

A súa poesía pódese clasificar en lírica ou narrativa:

Poesía lírica

As obras importantes son: Da terra asoballada, No desterro, A rosa de cen follas, Vento mareiro e Da miña zanfona. Distínguense catro orientacións:

  • Cívica ou social: Carácter agrarista e anticaciquil. Continúa a temática de Curros Enríquez.
  • Intimista: Na liña de Rosalía de Castro ou Bécquer. Aflora a sensibilidade amorosa, a conmoción ante a natureza ou o sentimento dolorido da vida.
  • Costumista: Para Cabanillas supón unha indagación e reivindicación das raíces da nosa cultura.
  • Modernista: Cabanillas busca a evasión. Prima a ambientación exótica ou medieval e a forza do sensorial e da musicalidade.
Poesía narrativa

O bendito San Amaro, Camiños no tempo, Na noite estrelecida e Samos.

Na noite estrelecida está composta por tres partes. O importante desta obra é a exaltación lírica de Galicia. A carga ideolóxica nacionalista é clara. No tocante ao estilo, o texto está cargado de simbolismo e posúe unha densa adxectivación. No referente á métrica, as combinacións estróficas dominantes son romances e longas series de pareados alexandrinos.

A lírica das vangardas

Á par dos cambios do século XX xurdiu a vangarda, movemento de renovación que se manifestou no pensamento e na creación artística. Presentan unhas características comúns:

Características

  • Antirromanticismo e antisentimentalismo: Rexeitamento dos elementos aos que rendían culto os románticos.
  • Deshumanización: O artista elude toda referencia ao ser humano.
  • Busca da arte pura: Prescíndese de toda referencia real.
  • Innovación da lingua figurada: Maniféstase a través da ruptura da orde sintáctica e do uso de imaxes sorprendentes e de difícil comprensión.

As vangardas galegas

As vangardas galegas foron continuadoras dos trazos xerais das vangardas mundiais, grazas ao camiño aberto pola Xeración Nós, de quen herdaron a actitude universalista. Con todo, os poetas galegos mantivéronse nunha liña próxima á tradición e á idiosincrasia galegas. O carácter individualizador ven determinado por:

  • O espírito nacionalista.
  • A relación con Portugal.
  • A presenza do sentimentalismo.

As tendencias da poesía galega neste período son:

  • Aínda que se deu renovación, non se rompeu coa tradición. Maniféstase co neotrobadorismo e o hilozoísmo.
  • A vertente máis rupturista foi o creacionismo.

Ao analizar as tendencias encontrámonos con:

  • Hilozoísmo
  • Neotrobadorismo
  • Creacionismo
  • Outros «ismos»

Manuel Antonio (Rianxo, 1900 – 1930)

Produción poética

A obra publicada en vida é De catro a catro. Distínguense tres etapas:

  • Primeira etapa ou de formación: Integrada por uns cantos poemas soltos recollidos en revistas e outros recollidos en Con anacos do meu interior, Foulas e Sempre e máis dispois. Combínanse elementos tradicionais, modernistas e vangardistas. Os temas son variados.
  • Segunda etapa: Constituída polo libro De catro en catro, o cal converteuse no libro máis significativo do vangardismo galego. Ten unha estrutura circular. Presenta unidade temática (presenza constante do Mar). Na forma, rompe case por completo cos esquemas métricos tradicionais e utiliza trazos marcadamente vangardistas.
  • Terceira etapa: Representada pola obra Viladomar, supón unha recuperación do ton e da forma poética tradicionais.

Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901 – 1927)

Produción poética

Foi moi ben acollida e chega a crear unha escola: o hilozoísmo. Na forma amósase conservador na métrica pero vangardista na súa preferencia polas metáforas.

Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 – Compostela, 1973)

Produción poética

Iniciou con Nao senlleira unha liña poética marcada pola influencia da tradición medieval: o neotrobadorismo. Os poemas presentan unha conxunción de recursos formais da lírica medieval con estrofas e ritmos propios da literatura popular.

Luís Pimentel (Lugo, 1895 – 1958)

Produción poética

Na temática dominan os sentimentos. O poeta afonda nunha temática cotiá intimamente sentida. Na forma caracterízase pola súa sinxeleza tanto na lingua coma nos recursos.

Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981)

Produción poética

Pódense diferenciar dúas tendencias básicas na súa poesía:

  • Vangarda pura: Domina nas súas primeiras obras. En Mar ao norde obsérvanse trazos de cubismo e de creacionismo. En Poemas do si e non atópanse trazos de surrealismo.
  • Neotrobadorismo e resonancias populares: En Cantiga nova que se chama riveira e en Dona do corpo delgado. Son poemas elegantes e sensuais, dunha gran musicalidade.

En Herba aquí e acolá reúne poemas de diferentes datas, estilos e temas.

Entradas relacionadas: