Funcións, Conflitos e Evolución da Lingua Galega: Normativa, Literatura e Sociedade
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 22,4 KB
Funcións Sociais da Lingua, Conflito e Diglosia
1. Funcións da Lingua
Unha lingua pode acadar distintas funcións. Hainas que as desenvolven todas (como o inglés) e outras que non, como é o caso do galego.
A primeira destas funcións é a individual, referida á lingua na que pensamos ou soñamos. Está seguida da función familiar, coa que nos desenvolvemos no ámbito familiar; a función local, na localidade, e a laboral, no traballo; a función cultural, na que se desenvolven as nosas actividades de lecer (películas, teatro...); a institucional, empregada polas institucións (empresas, educación, xustiza...) e, por último, a internacional, que serve para comunicarse entre países.
2. Bilingüismo
Diferéncianse dous tipos de bilingüismo: o individual e o social. O primeiro dáse cando alguén é quen de falar dúas linguas e, o segundo, cando nunha determinada sociedade ou localidade se falan dúas linguas. Estas sociedades nunca teñen as mesmas características, polo que debemos ter en conta tres factores para clasificalas:
- Demográfico: Refírese ao número de falantes e á súa distribución xeográfica.
- Status: Téñense en conta varios ámbitos. En canto ao político, se é ou non oficial e dende cando; no referido ao simbólico, se está recoñecida como lingua nacional polos seus falantes; no social analízase quen a fala; no económico, o poder ou diñeiro de quen o fai e, por último, o seu prestixio internacional.
- Apoio institucional: Divídese á súa vez en apoio oficial (institucións públicas) e o informal (industria, comercio, relixión...).
En moitos casos de bilingüismo social prodúcese a diglosia, na que se dan desequilibrios entre as diferentes funcións, diferenciando entre a lingua forte e a débil. Isto cambia continuamente.
As linguas loitan por acadar as mellores funcións, por tanto, hai un conflito lingüístico que pode ter como resultado a normalización ou a substitución da lingua máis débil.
3. Prexuízos Lingüísticos e Estereotipos: Repercusión nos Usos
Os prexuízos non son máis que un tipo de actitude que inflúe sobre os usos lingüísticos.
No proceso de formación dun prexuízo, o primeiro paso é a creación dun estereotipo, unha división dun grupo en clases en función de diversos criterios e a asignación a cada un deles de determinadas características. É o proceso de categorización, necesario para simplificar a realidade. O prexuízo aparece cando se leva a cabo unha interpretación errónea dos estereotipos, xeralmente por non aceptar as excepcións do estereotipo ou por unha percepción errónea das causas. Nisto inflúe o feito de que, antes, para ascender socialmente era necesario abandonar o galego e falar o castelán.
Os prexuízos están vinculados ao rexeitamento e á discriminación e transmítense socialmente, xa que non son innatos.
3.1. Prexuízos Lingüísticos en Galicia
No caso de Galicia, hai actitudes positivas fronte a estes prexuízos a pesar dun descenso nos usos. Así, os prexuízos están ocultos; o avance consiste en ocultalos fronte ao que acontecía antes.
O galego segue a relacionarse co mundo rural e a xente de idade, fronte ao castelán, que se relaciona co mundo urbano, moderno e a xente nova. Os neofalantes, persoas que nun determinado momento da súa vida deciden falar galego, sofren estigmas e son vistos pola sociedade dunha forma rara e artificial. Ademais, priorízase o que se considera útil en función da ideoloxía social, facendo que o galego quede novamente supeditado ao castelán.
Outros factores que determinan o uso da lingua son o hábito, a competencia, o contorno e os grupos de pertenza.
Historia da Normativización: Construción da Variedade Estándar e Desviacións da Norma
1. Historia da Normativización
A normativización é a elaboración dunha variedade verificada, común a todos os falantes, que sirva de vehículo á comunicación formal (ensino, medios de comunicación, cultura...). O galego só no século XIX comezou o labor de normativización. Outras linguas, como o castelán ou o portugués, xa o iniciaran na Idade Moderna.
Vai ligada á normalización, xa que esta necesita á primeira. Para estender os usos sociais precisamos un modelo lingüístico de referencia para poder empregar a lingua en calquera situación comunicativa (léxico, ortografía, modelo de escrita...).
O estándar galego é un proceso que comeza no século XIX, coas primeiras gramáticas e dicionarios, e a discusión sobre o modelo ortográfico. Despois, no século XX, xorden novas propostas por parte de diferentes grupos: o SEG (1933, 1936), ILG-RAG (1970-71) e a declaración do galego como lingua oficial en 1982 coas normas da ILG-RAG.
Estas normas inclúen uns criterios ortográficos e unha variedade estándar. En canto á ortografía danse criterios de ‘tradición’, criterios fonolóxicos e etimolóxicos (b/v).
En canto á variedade estándar, diferénciase da variedade xeográfica determinada e búscase unha sociedade supradialectal para evitar os castelanismos.
1.1. Reintegracionismo
O reintegracionismo debate en que grao debe ser o portugués modelo de referencia para a variedade estándar galega. Segundo IGL/RAG, o galego debe ser unha lingua autónoma e independente, sendo o galego oral o modelo de lingua culta (Normas 1982). Segundo AGAL, o galego debe ter o portugués como modelo culto de referencia e AS-PG fai a denominada “normativa de mínimos”, na que di que debe achegarse ao portugués no lóxico, non tanto na ortografía. Crea así a Normativa de Consenso coa ILG en 2003.
2. A Construción da Variedade Estándar: Interferencias e Desviacións da Norma (1982, 2003)
As normas ortográficas e morfolóxicas establecen o modelo de variedade estándar e están asentadas na fala, supradialectal e depurada.
- Hipergaleguismos: Falsa ‘galeguización’ de formas que coinciden en galego co castelán, fundamentalmente cultismos e semicultismos (*segredario, *ambente, *urbán, *zoa...).
- Vulgarismos: Vacilación, vocálica ou consonántica, por adición ou supresión dun elemento. Dáse tamén a metátese (cambiar un fonema de sílaba, *probe), simplificación de grupos cultos (correto, pauto) de vacilación vocálica (*lovar, *somana) e rotacismo (/s/ por /r/, por exemplo, *derde).
- Préstamos e interferencias: Un préstamo é un termo procedente doutra lingua que serve para designar realidades e conceptos novos cando na lingua de chegada (neste caso, a galega) NON hai un termo que a denomine (computador, ordenador, hardware, chofer). Se existe un termo propio dáse unha interferencia, é dicir, un préstamo innecesario. No caso galego a maior parte das interferencias son castelanismos.
- Lusismos: Formas portuguesas que substitúen formas ‘lexítimas’ galegas (Gráficos: *pavo) (Morfolóxicos: *recebos) (Léxicos: *luta).
- Castelanismos: Formas do castelán que foron introducidas no galego para substituíren as propias.
- Fónicos: Eliminación da oposición entre /b/ e /v/ ; /s/ e /z/ ; /ʃ/ e /x/.
- Ortográficos: *boda, *armonía, *ahí, *atmósfera.
- Morfosintácticos: O xénero de certos substantivos (epígrafe, labor), as formas verbais compostas, as perífrases verbais (*ir a + INF.), colocación do pronome átono, demostrativos masculinos (*estos), etc.
- Léxicos: Víronse introducindo no galego dende os Séculos Escuros, de modo que algúns galegos non os recoñecen como alleos (discriminación de pares galegos primando á forma castelá [esperar/agardar], restrinxir a forma galega a realidades ‘tradicionais’ e o castelanismo para as novas [billa, *grifo] ou a substitución total da forma galega [*calle, *carretera]).
- Semánticos: A unha forma castelá correspóndenlle dúas galegas, que comezan a utilizarse mal (sono/soño).
Danse tamén desviacións da norma en canto aos neofalantes no referido a castelanismos fónicos e morfosintácticos, e no caso dos falantes primarios en castelanismos léxicos.
A Poesía das Irmandades da Fala: Características, Autores e Obras Representativas
Nesta época, a sociedade está en plena transformación. A agricultura e a gandeiría comezan a súa evolución, polo que o sector primario insírese no mercado. No tecido industrial evoluciona considerablemente a industria conserveira e mais a construción naval. A pesar do comezo da emigración debido ás oportunidades empresariais, a alfabetización, o asociacionismo, Galiza está a sufrir un crecemento demográfico. A maioría da poboación vivía no medio rural, aínda que o desenvolvemento industrial favoreceu o incremento de habitantes nos núcleos urbanos.
A loita pola propiedade da terra, o agrarismo: Os dirixentes agrarios levaron a cabo unha denuncia contra o caciquismo, os foros e, en xeral, contra todos os males labregos. Así, todo o campesiñado púxose en acción.
As Irmandades da Fala – O Galeguismo Organizado (1916)
Defínese o “galeguismo” como un movemento que pretende (re)descubrir os sinais de identidade nacional de Galicia e a consecución dun marco político autónomo.
As Irmandades da Fala (IF) son creadas en 1916 e conforman un paso decisivo na proxección do galeguismo político, que entra nunha fase de maduración teórica e práctica, o nacionalismo. Tamén, dende o punto de vista cultural, a cultura e a literatura galegas reciben un impulso fundamental na procura de alicerzar a súa presenza como opcións solidamente instaladas. Para isto, créanse estruturas ou plataformas para a extensión da lingua no ámbito cultural e formal: teatro, publicacións periódicas, conferencias do ensino...
Existe unha disparidade ideolóxica: o consenso sobre a lingua e a disensión sobre a actuación política.
Estes 20 anos, dende o 1916 (creación das IF) e o 1936 (comezo da Guerra Civil) foron frutíferos: en 1923 créase o PG (Partido Galeguista) e en 1931 o SEG (Seminario de Estudos Galegos). Ademais, no 1936 acadouse o Estatuto de Autonomía para Galicia.
Nas IF, polo momento, conviven autores dispares e con diferentes estéticas, pero todos coinciden na súa procedencia: todas teñen o alicerce no ambiente cultural que se xerou coa fundación das IF. Estas promoven levar á poesía o seu ideario: a lingua, agrarismo, pasado mítico, tradición literaria, dignificación da lingua a través do rexistro culto, etc.
Antonio Noriega Varela (1869-1947)
Noriega Varela escribiu un único libro, pero en constante reelaboración: Do ermo (1920), pero este libro chamábase, nun principio, Montañesas (1904).
É un autor que non innova, amante das tradicións.
Os temas máis frecuentes na súa obra son a natureza (franciscanismo, é dicir, busca como ideal estético os elementos máis sinxelos que conforman a natureza, en oposición á mariña), costumes (enxebrismo), saudosismo portugués, debido á súa relación con Portugal, e fala popular: uso de castelanismos, xa que consideraba o galego como fala dos labregos.
Ramón Cabanillas (1876-1959)
Ramón Cabanillas entrou en contacto coas IF ao chegar a Galiza.
A súa lírica busca novos horizontes, renovación. Ademais, ten influencias dalgúns poetas románticos.
Caracterízase pola gran variedade de rexistros temáticos e tamén polo seu traballo en diferentes direccións estilísticas. Reescribiu moitas obras, que malia manteren o seu título, presentan contidos moi modificados. É un autor cunha longa traxectoria, xa que evolucionou desde o compromiso social, ao nacionalismo, até o distanciamento para rematar en posicións conservadoras, dende a Preguerra á Posguerra.
Os eixos temáticos esenciais da súa obra son os textos de denuncia social e significación cívica: composicións referidas ao agrarismo e nacionalismo. No desterro (1913), Da terra asoballada (1917). Poemas sentimentais e intimistas: está presente a natureza, o paso do tempo, a sensibilidade amorosa. A rosa de cen follas (1927), Vento mareiro (1915). Textos costumistas, unha continuación da poesía do século XIX. A presenza do modernismo ou novecentismo: ambientación exótica e evasión. No desterro, Vento mareiro, composicións acerca do atlantismo (cristianismo ou celtismo con vontade identitaria, patria), nas que Cabanillas desenvolve o mundo céltico de Pondal mediante unha linguaxe simbólica e con gran contido musical. Na noite estrelecida (1926), trata sobre a materia de Bretaña relacionada con Galiza.
A Poesía das Vangardas: Características, Autores e Obras Representativas
En 1922, o poeta Manuel Antonio publica o manifesto Máis alá!, no que incluía algunhas obras como Proel (1927), O galo (1928), De catro a catro (1928), Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama riveira (1933), Poemas do si e do non (1933).
A poesía de vangarda está ligada a autores novos, que nacen arredor do 1900. Desde os primeiros momentos establécese unha dialéctica entre o nacionalismo galego e a vangarda. Por unha parte, o galeguismo consideraba que non se podía prescindir da tradición, xa que isto significaba deixar inermes as letras galegas; e os ideólogos das Irmandades permanecían atentos ás novidades que chegaban do exterior, considerando imprescindíbel a súa incorporación á cultura. Así a liña que se impoñerá como “estética nacional para os novos” será a vangarda enxebre.
A prensa literaria tivo grande importancia no labor do espallamento das vangardas, xa que estas tiveron relación coas revistas (Ronsel, Papel de Color, Alfar…). O libro era un soporte raro, non habitual. A produción era breve, pero de grande importancia e, finalmente, os paradoxos ficaron na memoria e na tradición cando non era o que se quería. Nesta época, os pro e anti nacionalistas tiveron gran relación coa política.
Correntes
Neotrobadorismo
Na década de 1930, Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro escriben inspirados nas cantigas de amigo. Así, recursos propios destas cantigas como o leixaprén ou o refrán, aparecen de novo nos poemas neotrobadorescos. Pero só podemos falar de presenzas vangardistas na obra de Cunqueiro Cantiga nova que se chama riveira (1933) e non en Nao senlleira de Bouza Brey ao presentar unha preocupación formalista e non de ruptura.
Hilozoísmo
O seu máximo representante é Luís Amado Carballo, autor de Proel (1927) e O galo (1928), obras nas que podemos percibir plenamente en que consiste o hilozoísmo. Estes poemas semellan unha xustaposición de imaxes plásticas, co predominio dunha natureza personificada, combinando elementos visuais e auditivos, con formas métricas populares (octosílabos, rima asonante) e nos cales a metáfora actúa como eixe estruturador.
De catro a catro (1923) - Manuel Antonio (1900-1930)
De catro a catro é o único poemario publicado en vida por Manuel Antonio. Está formado por 19 poemas nos que foi deixando constancia da súa visión no mar. Non estamos ante unha perspectiva tradicional, senón que interpreta a paisaxe dende un novo punto de vista; podemos ver a supresión da secuencia espazo-temporal, a depuración cara ao esencial, e o protagonismo do mar como espazo abstracto. Crea un universo soberano e autónomo (creacionismo). Dentro da súa orixinalidade, podemos atopar nos seus versos un léxico náutico e tamén algúns anglicismos.
Álvaro Cunqueiro (1911-1981)
A figura máis destacada nesta etapa é a de Álvaro Cunqueiro, autor de Mar ao Norde (1932) e Poemas do si e do non (1933). Na súa obra combina elementos e influencias de diferentes vangardas europeas como o surrealismo, creacionismo, ultraísmo; nalgún caso podemos ver na súa obra Cantiga nova que se chama riveira (1933) o encontro entre a tradición medieval e popular. Tiña a vontade de crear unha poesía nova e diferente.
Outros nomes da poesía de Vangarda
Johán Carballeira, Manuel Luís Acuña, Otero Espasandín.
A Prosa do Primeiro Terzo do Século XX: Irmandades da Fala e Grupo Nós (Narrativa, Ensaio, Xornalismo)
Neste período conviven estéticas moi diferentes, desde autores costumistas ou folcloristas (Francisca Herrero Garrido) até mozos como Dieste, pasando por galeguistas como os autores de Nós ou Antón Villar Ponte.
O galeguismo (IF) promove o cultivo da prosa galega como non se fixera antes, a través do xornalismo (A Nosa Terra, Nós, El Pueblo Gallego), a novela curta (Céltiga, Lar, Nós), o ensaio científico (os traballos elaborados arredor do SEG, os Arquivos), a prosa de ficción (Nós)… Divulgar o ideario galeguista a través dos centos de prosas.
Grupo Nós
O Grupo Nós é un grupo que recibe o seu nome pola revista que fundaron en 1920, e que chegaría até 1936. Nel colaboraban Risco (director), Otero Pedrayo e Cuevillas, os que formaban o “cenáculo” ourensán, e mais Castelao.
Teñen como obxectivo europeizar e universalizar a cultura galega tomando como base as propias raíces; a terra, a paisaxe e a relixión son os elementos centrais da galeguidade; fronte ao mundo burgués, industrial, materialista, opoñen os valores de tradición, a aristocracia, o espiritual, etc.
Vicente Risco (1884-1963)
Obra ensaística
As diferentes etapas da traxectoria e humana de Vicente Risco teñen reflexo na súa produción ensaística.
Escribiu Teoría do nacionalismo galego (1920), un breve texto teórico no comezo do galeguismo, en que teoriza sobre os trazos esenciais da nación galega, baseándose na raza, lingua, tradición, xeografía, e no espírito.
Mitteleuropa (1934) é un diario da súa viaxe por Europa en 1930. É unha obra heteroxénea, en forma de reportaxe ou diario, na que testemuña a súa opinión sobre a política, a arte, as cidades de 1930.
O artigo “Nós, os inadaptados” (1933) é un texto en que recrea e avalía a traxectoria da súa xeración no momento da II República.
Leria (1961) é un libro que foi publicado na Posguerra, pero que recolle colaboracións xornalísticas da década dos anos 20; é unha mostra do seu labor publicístico neses anos.
O seu ensaio etnográfico e historiográfico está presente en diversas revistas e obras colectivas.
Prosa de ficción
Risco colaborou en coleccións galeguistas de novela curta como Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919), que trata sobre o esoterismo e o mundo de ultratumba; O lobo da xente, A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, onde se recrean mitos populares; A Coutada (1926), que trata sobre a fidalguía como clase social.
O porco de pé (1928) é a súa novela máis extensa na que a parodia e censura á sociedade desta década de 20; nela trunfa a ignorancia e o materialismo. É unha obra novidosa que rompeu coas regras de verosimilitude e da mesura, pola busca da parodia.
Alfonso Rodríguez Castelao
Foi un ilustrador, debuxante e pintor, que chegou á literatura a partir das artes plásticas.
As súas obras máis representativas
- Un ollo de vidro (1922). Obra que trata sobre o motivo do mundo da ultratumba, o humor e a crítica social. Foi publicado na colección da novela curta Céltiga.
- Cousas (1926). Breves relatos, acompañados de imaxes que primeiro aparecen nos xornais e despois son recollidos en libro. É unha síntese, unha concentración que ten motivos populares (campesiñado, mariñeiros) ao seu cerne, e onde podemos ver a interacción da imaxe e o texto.
- Retrincos (1934). Son 5 relatos breves, que parten de materiais autobiográficos, onde se trata o tema da infancia, a familia, os recordos dos tempos idos…
- Os dous de sempre (1934). Novela que vai dedicada á mocidade galega, onde está presente de novo a imaxe (ilustracións do autor) e conta a historia, con brevidade e humor, de dous personaxes que encarnan diferentes xeitos de ver a vida: a superación e o inconformismo fronte á pasividade e a apatía (Rañolas e Pedriño).
Ensaio
Castelao escribe varios traballos:
- Diario (1921). Mostra as súas impresións e opinións sobre a viaxe de formación por Francia, Bélxica e Alemaña. Foi concibido para ser publicado, parcialmente e por entregas, na revista Nós.
- As cruces de pedra na Bretaña (1929). É unha investigación de carácter etnográfico na Bretaña, que habería de ter unha continuación co seu traballo sobre as cruces de pedra na Galiza.
- Sempre en Galiza (1944). Trátase dunha reflexión sobre a condición histórica e nacional de Galiza, a revisión da estratexia política recente, e propostas cara o futuro da Posguerra, feitas durante a Guerra Civil e a inmediata Posguerra. Foi unha obra escrita entre 1934-43 que tivo unha inmensa influencia posterior.