A Empresa: Funcións, Obxectivos e Tipos

Enviado por pablo y clasificado en Economía

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,08 KB

A empresa é, orixinalmente, un mecanismo de asignación de recursos que produce bens e servizos para outras empresas, para os cidadáns como consumidores e para a propia Administración do Estado. Os sistemas económicos máis significativos son:

  • Sistema de libre mercado: Propiedade privada dos medios de produción. Liberdade de contratación. A busca da máxima eficiencia é o obxectivo primordial.
  • Sistemas de economía mixta: A propiedade privada combínase cunha importante participación do Estado.
  • Sistema de economía centralizada: Propiedade estatal dos medios de produción. Todas as empresas atópanse sometidas á autoridade do Estado.

Concepto de Empresa

Nun sistema económico de mercado, son as empresas as que responden, en gran parte, a estas tres cuestións:

  1. Que bens e servizos producir e en que cantidades? As empresas producen os bens e servizos que demanda o mercado.
  2. Como producir? As empresas organizan a produción segundo os seus custos e a tecnoloxía dispoñible.
  3. Para quen producir? Unha vez producidos, os bens e servizos distribúense entre os que poden.

Funcións da Empresa na Economía de Mercado

  • Proporciona os bens e servizos que a sociedade necesita.
  • As empresas crean valor.
  • As empresas asumen riscos e distribúen ese valor que engaden.
  • As empresas dirixen e coordinan os factores de produción.
  • Dimensión social: crean riqueza e xeran emprego.

Os Obxectivos da Empresa

  • Económicos: tratan de medir a eficiencia da empresa.
  • Sociais: son os relacionados cos aspectos sociais da empresa (relacións sociais, saúde laboral...).
  • Ambientais: son os relacionados coa incidencia ambiental da empresa (emisións de gases, consumo enerxético...).

A Cadea de Valor

A cadea de valor é esencialmente unha forma de análise da actividade empresarial mediante a cal descompoñemos unha empresa nas súas partes constitutivas, buscando identificar fontes de vantaxe competitiva naquelas actividades xeradoras de valor.

  • As actividades primarias son aquelas que teñen que ver co desenvolvemento do produto, a súa produción, a loxística e comercialización e os servizos de posvenda.
  • As actividades de apoio son actividades soporte das actividades primarias como, por exemplo, a administración dos recursos humanos.

A marxe é a diferenza entre o valor total e os custos totais incorridos pola empresa para desempeñar as actividades xeradoras de valor.

O Proceso de Produción

Basicamente, calquera proceso de produción consta de tres elementos:

a) O aprovisionamento dos factores produtivos ou inputs

b) Transformación ou tecnoloxía

c) Os bens e servizos (outputs).

Diferentes Concepcións do Termo Empresario

  • O empresario no pensamento económico clásico: Adam Smith.
  • O empresario capitalista.
  • O empresario risco de Frank Hyneman Knight.
  • O empresario innovador de Joseph Alois Schumpeter.
  • O empresario como tecnoestrutura de John Kenneth Galbraith.

Clasificación da Empresa

Polas características en que nos fixemos, as empresas pódense clasificar de distintas formas:

Segundo o seu Tamaño

Ao non existir un criterio único que clasifique a dimensión ou o tamaño das empresas, utilízanse os seguintes indicadores: o volume de vendas, o tamaño do capital e o número de traballadores.

O máis utilizado é o número de traballadores. Con este criterio, distínguese entre:

  • Empresas pequenas con menos de 50 traballadores.
  • Empresas medianas entre 50 e 250 traballadores.
  • Empresas grandes con máis de 250 traballadores.

Segundo o Sector de Actividade

Segundo o sector de actividade que desempeñan, as empresas poden pertencer a un dos tres sectores produtivos seguintes:

  • Empresas do sector primario. Son as que extraen as materias primas que nos ofrece a natureza: empresas agrícolas, gandeiras, pesqueiras, mineiras e forestais.
  • Empresas do sector secundario. Son as que transforman as materias primas en produtos elaborados: produtoras de enerxía, construtoras e industriais (téxtil, naval, siderometalúrxica, etc.).
  • Empresas do sector terciario. Son as empresas de servizos: comerciais (compravenda de bens), de transporte, ensino, sanidade, espectáculos, comunicación, ... e as financeiras (bancos, aseguradoras...).

Segundo a Propiedade do Capital

En función dos que sexan os propietarios as empresas poden ser:

  • Privadas, cando a propiedade e control se atopan en mans de particulares, por exemplo, Zara.
  • Públicas, o capital e o control pertence ás institucións da Administración pública, por exemplo, Correos.
  • Mixtas, caracterízanse por que a súa propiedade está compartida, o capital procede tanto de achegas públicas como privadas, por exemplo, Turgalicia.

Segundo a súa Forma Xurídica

  • Empresa individual, cando ten un só propietario, é dicir, o dono da empresa é unha persoa física, por exemplo unha pastelaría onde o empresario é a mesma persoa que puxo o capital.
  • Empresa societaria ou sociedade, cando ten diversos propietarios que, mediante un contrato, se obrigan a poñer en común capital ou traballo, ou ambas as dúas cousas, para realizar unha actividade empresarial. O contrato dá lugar ao nacemento dunha persoa xurídica nova e distinta das persoas físicas que compoñen a sociedade, por exemplo, Iberia, BBVA.

Entradas relacionadas: