A Ditadura de Primo de Rivera: Un Período de Cambios en España

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,21 KB

A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)

Contexto Histórico

Durante o reinado de Alfonso XIII, España viviu tres períodos diferenciados: a monarquía constitucional (1902-1923), a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) e o auxe do republicanismo e o desprestixio da monarquia (1930-1931). Este texto céntrase na ditadura do Xeneral Primo de Rivera.

O Golpe de Estado

O 13 de setembro de 1923, Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, deu un golpe de estado en Barcelona co apoio de diversas personalidades políticas e militares. Os protagonistas xustificaron o acto pola situación do momento en España:

  • Fracaso da guerra de Marrocos
  • Críticas ao rei pola responsabilidade do desastre de Annual
  • Radicalización das manifestacións catalanistas
  • Auxe do terrorismo
  • Medo á subversión social e política
  • Inestabilidade e incapacidade dos gobernos para controlar a situación

O manifesto do Xeneral Primo de Rivera xustifica o golpe de estado como a salvación da patria, responsabilizando os políticos do cadro de desventuras e inmoralidades que comezaron no ano 98, referíndose ao desastre do 98 no que España perdeu as colonias de Cuba, Filipinas e Porto Rico.

Aceptación e Oposición

O rei Alfonso XIII aceptou o golpe de estado de Primo de Rivera, que contou cunha ampla aceptación popular debido ao malestar político e social existente en España. Presentábase como unha medida transitoria para solucionar os graves problemas vixentes (caciquismo, corrupción política, separatismo, terrorismo, escaso desenvolvemento económico, etc.).

Únicamente o Partido Comunista e a CNT mantiveron unha total oposición á ditadura. Tamén se mostraron críticos coa situación os intelectuais, os estudantes, os republicanos e algún político monárquico.

Influencias e Características

Primo de Rivera estivo fortemente influenciado por Mussolini e o fascismo italiano, e foi esencialmente autoritario, populista, paternalista e excesivamente optimista.

O Directorio Militar (1923-1925)

O primeiro goberno estivo formado só por militares e prestou especial atención aos seguintes aspectos:

  • Rexeneración da vida política:

    co obxectivo de acabar co caciquismo, suspendeu a Constitución de 1876, destituíu as autoridades vixentes por outras adictas ao novo réxime, os partidos políticos perderon a súa capacidade de influencia e formou unha organización cívica, a Unión Patriótica.
  • Restablecemento da orde pública:

    tratando de controlar o movemento obreiro e prohibindo a celebración de reunións.
  • Defensa da unidade da patria:

    e a decisión de continuar, presionado polos militares, a guerra de Marrocos ata conseguir o dominio completo do protectorado.

O Directorio Civil (1925-1930)

En decembro de 1925, tras os éxitos en Marrocos e restablecida a orde pública, Primo de Rivera decidiu afianzarse no poder, pór fin á ditadura militar e constituír un Directorio Civil, formado maioritariamente por civís. Contou co apoio do rei.

Primo de Rivera pretendeu co Directorio Civil a instauración dun réxime político corporativo. As pautas desta política baséanse en:

  • Realizar reformas legais para mellorar a situación dos traballadores.
  • Buscar a colaboración con algúns sindicatos.
  • Crear a Organización Corporativa do Traballo, organización de comités paritarios (formados por igual número de obreiros e patróns) para solucionar os conflitos.

Medidas Económicas

As principais medidas económicas foron:

  • Fomento das Obras Públicas (carreteras, ferrocarrís, construción de encoros e regadillos).
  • Creación de monopolios, como Telefónica (1924) e CAMPSA (1927).
  • Proteccionismo, que impedía ou dificultaba as importacións.

José Calvo Sotelo, ministro de Facenda durante o Directorio Civil, expuxo e defendeu as liñas mestras da actuación económica da ditadura, destacando o nacionalismo económico que defendía Primo de Rivera.

As medidas económicas adoptadas víronse favorecidas pola prosperidade económica mundial e a paz social lograda mediante o control da orde pública e a represión da axitación obreira. En liñas xerais, o crecemento económico foi apreciable, como se pode comprobar no incremento da produción en España en diversos sectores (minería, enerxía eléctrica, aceiro e cemento) entre 1922 e 1930.

Dimisión e Consecuencias

Primo de Rivera presentou a súa dimisión ao rei o 29 de xaneiro de 1930. A súa dimisión estivo precedida por duras críticas procedentes de diversos ámbitos: republicanos, políticos liberais que demandaban o retorno ao sistema constitucional; estudantes que protestaban polos proxectos do goberno que favorecían as universidades privadas; os militares de artillería que se mostraban contrarios á reforma militar, etc.

Tras a ditadura, España quedou nun estado de caos, con institucións como o exército, a universidade, a facenda e a xustiza debilitadas. Os problemas existentes antes da ditadura, como o caciquismo e os extremismos nacionalistas, permaneceron latentes.

Entradas relacionadas: