A Ditadura Franquista en España: Unha Análise Histórica

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,61 KB

O Franquismo: Características e Evolución (1939-1975)

Setembro 2008

Desde a fin da Guerra Civil en 1939 e ata 1975, España viviu baixo un réxime ditatorial, o franquismo, dirixido por un dos militares sublevados o 18 de xullo de 1936, Francisco Franco, triunfador na guerra.

Características do Réxime Franquista

Foi durante a Guerra Civil cando se foron formando os trazos do novo réxime, en gran medida, obra persoal de Francisco Franco, moi influído pola súa formación militar: mando único indiscutible, orde e obediencia á autoridade, imposición dos valores castrenses e católicos, unidade da patria, nacionalismo español, duro control da oposición e mantemento do tradicionalismo en costumes e símbolos.

Franco concentrou na súa persoa todos os poderes do Estado; inicialmente, estes poderes fóronlle concedidos polos seus compañeiros militares da Xunta de Defensa durante a Guerra Civil e o triunfo nesta reafirmou a súa autoridade suprema indiscutible. A imitación doutros ditadores europeos como Mussolini ou Hitler, recibiu o nome de Caudillo de España. Nun primeiro momento non existiu ningunha limitación ao poder de Franco. O ditador era, fundamentalmente, católico, anticomunista e monárquico. Curiosamente, o franquismo definiuse como unha monarquía sen rei mentres Franco ocupase o poder. A definición de España como reino quedou establecida na Lei de Sucesión de 1947. A elección do futuro rei quedaba nas mans de Franco. Xoán de Borbón, conde de Barcelona e fillo de Afonso XIII, reclamou o trono que lle correspondía por dereito de sucesión, pero Franco non estaba disposto a ceder o seu poder mentres vivise e, para el, despois da súa morte, debíase instaurar en España unha nova monarquía inspirada nos principios do novo réxime.

Como xefe e xeneralísimo dos exércitos, Franco exerceu o seu poder contando sempre co apoio do exército, que se converteu na columna vertebral do réxime. Aos militares correspondíalles non só a defensa do territorio, senón a defensa da unidade da patria, da orde pública e do réxime fronte aos seus inimigos: os comunistas e separatistas.

O Movemento Nacional e a Represión

Todos os partidos políticos que apoiaban o réxime franquista foron agrupados nunha única formación autorizada, o Movemento Nacional, a canle por onde se encauzaba a vida política española; todas as demais formacións políticas non só estaban prohibidas, senón sometidas a unha dura represión e persecución policial.

Os principios do Movemento, aos que fai referencia o Doc.1, recollían unha mestura de ideas procedentes do tradicionalismo católico e do fascismo.

Unidade de España e Centralismo

España foi considerada como unha unidade de destino no universal e todas as terras que a formaban constituían unha entidade única e indivisible. Esta unidade tamén se amosaba no sistema de goberno. Todas as institucións autonómicas creadas pola II República foron suprimidas. A administración local quedou sometida ao Goberno central. O modelo e os valores impostos foron os de Castela e o castelán, sendo castigados aqueles que empregasen o galego, o vasco ou o catalán.

O Nacionalcatolicismo

O franquismo defendeu o catolicismo e a confesionalidade católica do Estado, establecendo ademais o sometemento da vida política, social e cultural ás directrices da Igrexa Católica. Ao mesmo tempo, a Igrexa converteuse, xa desde o golpe de Estado contra a II República, na lexitimadora do réxime franquista. Esta unión de intereses e apoios mutuos coñécese como nacionalcatolicismo.

A xerarquía eclesiástica católica apoiou aos militares sublevados, cualificou a Guerra Civil de Cruzada (denominación que aparece no Doc.1) contra o ateísmo marxista e xustificou a autoridade de Franco, recoñecido como Caudillo de España pola gracia de Deus. A cambio, a Igrexa católica recibiu o recoñecemento do Estado como a única autorizada e obtivo o control sobre a moral, os costumes e a educación.

A Economía Durante o Primeiro Franquismo

  • No aspecto legal, o franquismo articulouse arredor dunhas leis chamadas as Leis Fundamentais; son sete leis, elaboradas durante case trinta anos inspiradas no fascismo e no tradicionalismo.
  • A actividade económica non recuperou os índices da preguerra ata ben entrados os anos 50. A sociedade española sufriu un retroceso xeral na súa calidade de vida, tendo que recorrer moitas veces ao mercado negro ou retornando ao campo para poder conseguir os produtos de primeira necesidade.
  • A política económica da posguerra caracterízase pola autarquía e a intervención estatal co obxectivo de lograr a autosuficiencia económica, tal como se pode ver no Doc.2. Isto reflicte a influencia dos modelos fascistas europeos, sobre todo do italiano, ademais da teoría de que os pobos libres non deben depender economicamente do exterior.
  • Na agricultura foron características desta etapa o descenso da produción debido á falta de abonos e de maquinaria, a baixa produtividade e a redución da superficie cultivada, o que explica os problemas no abastecemento de alimentos.
  • Na industria seguiuse a política intervencionista e de fortes restricións legais aos investimentos estranxeiros. Creouse o Instituto Nacional de Industria para o control da produción dos sectores industriais básicos, e do que o Estado era o maior investidor e promotor. A dependencia tecnolóxica do estranxeiro dificultaba que se lograra o obxectivo fundamental: a redución drástica das importacións.

Entradas relacionadas: