Desenvolvemento Económico e Reforma Agraria na España Liberal

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,04 KB

Atraso e Desenvolvemento Económico

O proceso industrial español do período liberal presentou as seguintes características:

  • Predominio das actividades relacionadas co sector primario.
  • Protección arancelaria para defender os produtos propios da competencia internacional.
  • Dependencia do exterior en equipamento, innovacións técnicas e investimentos de capitais.
  • Forte desequilibrio territorial e rexional, con zonas atrasadas e focos desenvolvidos.

O Desenvolvemento Capitalista da España Liberal

De acordo cos principios do capitalismo, as actividades económicas debían estar exclusivamente en mans dos particulares, sen intervención do Estado. A liberdade económica debía basearse no libre xogo da oferta e da demanda. A man de obra considerábase unha mercadoría suxeita ás leis do mercado, e o contrato de traballo debía ser un acordo entre patrón e obreiro. O capital considerábase o factor clave da produción e do desenvolvemento económico.

Bases Xurídicas da Economía da España Liberal

A lexislación económica do Antigo Réxime foi modificada con novas leis para facilitar a liberdade económica e o desenvolvemento capitalista, iniciadas polas Cortes de Cádiz. A liberdade de mercado foi obxecto de debate, aceptada para o mercado interior, pero con oscilacións entre librecambismo e proteccionismo no exterior. A lexislación arancelaria foi, en resumo, proteccionista. Os economistas e historiadores valoran de forma diferente esta política: uns consideran que o desenvolvemento económico español foi grazas ás taxas arancelarias, mentres que outros entenden que esta protección atrasou o crecemento, a industrialización e a modernización.

Dificultades e Limitacións do Desenvolvemento

O desenvolvemento económico da España liberal estivo marcado por numerosas dificultades:

  • Obstáculos físicos e naturais: dificultaban a explotación dos recursos e elevaban o prezo dos produtos (relevo compartimentado, ríos pouco navegables, deficiente calidade das terras...).
  • Escasas transformacións nos sistemas agrarios: a falta de renovación técnica mantivo unha agricultura tradicional con baixa produtividade.
  • Reducida capacidade de consumo do mercado interior: os baixos ingresos de campesiños e obreiros limitaban a súa capacidade de compra.
  • Falta de competitividade dos produtos españois: os altos custos de produción impedían competir no mercado mundial, obrigando a unha política proteccionista.
  • Despreocupación polas innovacións tecnolóxicas e educativas: o mantemento de altas taxas de analfabetismo e a dependencia da tecnoloxía estranxeira.
  • Escaseza de capitais e preferencia por investimentos inmobiliarios ou especulativos: os capitais estranxeiros dominaron as principais actividades produtivas.
  • Mentalidade tradicional dos empresarios e políticos: buscaban asegurar os seus beneficios e sobreexplotaban os traballadores.
  • Escaso espírito de empresa: os grupos dominantes gastaban as fortunas en luxo en lugar de en produtividades industriais.

Fases do Desenvolvemento Económico

1830-1870

Inicio da industrialización, reforma agraria liberal, inicio da rede ferroviaria e crecemento moderado.

Fase de Freo e Estancamento

Caída dos prezos agrícolas, estancamento da industrialización, emigración campesiña e dependencia do capital estranxeiro.

Fase de Crecemento

Maior proteccionismo, incremento das emigracións a América, crecemento urbano, fundación de bancos e desenvolvemento desigual.

A Reforma Agraria Liberal e as Desamortizacións

No Antigo Réxime, diversas normas limitaban a produción agrícola e a propiedade da terra. A burguesía liberal consideraba imprescindible converter a propiedade da terra nun ben libre, privado e individual, abolindo o réxime señorial, desamortizando terras eclesiásticas e comunais, suprimindo servidumes colectivas e autorizando a liberdade de cultivos.

A medida máis importante foi a desamortización ou venda en pública poxa dos bens rústicos e urbanos pertencentes ás mans mortas eclesiásticas e terras de comúns dos concellos. Este proceso foi longo debido á masa de bens afectados e aos avances e retrocesos provocados por disputas políticas e ideolóxicas.

As Cortes de Cádiz promulgaron un decreto xeral de desamortización en 1813, confiscando e poñendo á venda os bens dos afrancesados, parte do patrimonio da Coroa e dos baldíos e terras dos concellos.

No reinado de Isabel II realizouse a transformación do réxime da propiedade, destacando a actuación dos progresistas Mendizábal, Espartero e Madoz.

Etapas

1835-1836

Mendizábal acometeu a desamortización eclesiástica, afectando ao clero regular. Os obxectivos eran reformar o réxime da propiedade, obter recursos para os gastos do Estado, reducir a débeda pública e conseguir apoio social á causa liberal.

1841

Espartero completou a desamortización eclesiástica, declarando nacionais os bens do clero secular.

Os gobernos moderados paralizaron o proceso e acordaron co Vaticano o sostemento económico do clero.

1855

Lei Xeral de Desamortización de Madoz, iniciando a desamortización civil dos bens do Estado e dos concellos.

Balance da Desamortización

Foi un éxito político, consolidando o réxime liberal. Socioeconomicamente, incrementou os latifundios e contribuíu ao atraso da industrialización. As vítimas foron a Igrexa, os municipios, os campesiños pobres e os xornaleiros, que perderon beneficios e viron empeorar as súas condicións de vida.

En Galicia, a desamortización dos propios tivo escasa importancia debido ao reducido patrimonio dos concellos. Non se alterou a organización agraria tradicional, e os campesiños conservaron os seus dereitos sobre a terra, logrando a propiedade mediante a redención dos foros, proceso que culminou en 1926.

Entradas relacionadas: