Demografía e Urbanismo: Glosario de Termos Clave en Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,71 KB

Glosario de Demografía e Urbanismo

35. Poboación activa: É o número de persoas que se incorporaron ao mercado laboral. A poboación activa dun país está formada por todos os habitantes en idade de traballar que traballan nun emprego remunerado ou están en busca activa de emprego (poboación desempregada). Polo tanto, a poboación activa divídese en dous grupos: os ocupados e os desempregados. A fracción da poboación activa que busca emprego pero non o atopa determina a taxa de paro.

36. Esperanza de vida: Cálculo do número de anos que un individuo pode esperar vivir ben no momento de nacer ou cando acada unha determinada idade, sempre que os niveis de mortalidade permanezan constantes. Obtense a partir das táboas de mortalidade. A esperanza de vida é maior nas mulleres que nos homes, situándose en 2018 en 85,89 anos para as mulleres e 80,52 para os homes (en España, INE).

37. Réxime demográfico: Cada etapa pola que pasa a evolución dunha poboación na que a natalidade, a mortalidade e o crecemento natural presentan características homoxéneas. As tres etapas principais son: Réxime Demográfico Antigo, Réxime Demográfico de Transición e Réxime Demográfico Moderno.

38. Crecemento vexetativo: Tamén chamado natural, é a diferenza entre o número de nados e o de falecidos nun espazo delimitado nun tempo concreto. Pode ser positivo (máis nados) ou negativo (máis falecidos).

39. Padrón municipal de habitantes: Rexistro que leva a cabo cada concello sobre a poboación que vive no seu municipio. Contén tamén información sobre as características da poboación, aínda que algo menos detallada cá do censo. A súa principal vantaxe é a de tratarse dun rexistro vivo, dinámico, xa que cando unha persoa se traslada a vivir a outro municipio ten a obriga legal de empadroarse nel. De aí que sexa denominado padrón continuo de poboación. Isto quere dicir que en calquera momento se pode coñecer a cantidade de poboación dun municipio, así como as súas principais características, polo que é un dato de vital importancia para os concellos, xa que reciben máis ou menos financiamento en función da poboación que teñan.

40. Saldo migratorio: Refírese ás persoas que emigran e inmigran nun determinado lugar e nun determinado período de tempo (normalmente, un ano). Cando o saldo migratorio é positivo, a poboación aumenta e hai máis inmigrantes que emigrantes; cando o saldo migratorio é negativo, a poboación diminúe e hai máis emigrantes que inmigrantes. Os países con saldo migratorio positivo son España, EE.UU, Canadá, Australia… mentres con saldo negativo temos múltiples países africanos e hispanoamericanos.

41. Inverno demográfico: É a situación na que a natalidade dun país cae por debaixo do nivel necesario para manter a poboación estable a longo prazo. Morre máis xente da que nace e iso tradúcese en moi graves consecuencias sociais e económicas. Poboación envellecida con necesidade de ter máis gastos para o seu coidado, menor movemento no mercado laboral e dificultade para independizarse e, polo tanto, formar familias e ter fillos. España, Xapón, Italia, Alemaña son países que padecen este inverno demográfico, cuxa solución é lograr a conciliación, facilitar o acceso á vivenda, subencións ás familias numerosas…

42. Área metropolitana: Rexión urbana que engloba unha cidade central que dá nome á área e unha serie de cidades satélites que poden funcionar como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos, todo organizado de xeito centralizado.

43. PXOM: Instrumento de ordenación integral do territorio. Contén a clasificación do solo, definición dos elementos fundamentais da estrutura xeral do territorio (como poden ser fixar os espazos libres, de equipamento comunitario, os sistemas xerais de comunicación etc.), desenvolvemento, execución e a vixencia do plan. Adoita ser municipal: Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

44. Xentrificación: Proceso de transformación urbana no que a poboación orixinal dun sector ou barrio deteriorado e con pauperismo é progresivamente desprazada por outra dun maior nivel adquisitivo á vez que se renova. O termo é un neoloxismo que procede do inglés "gentrification".

45. Cidade difusa: A cidade dispersa ou cidade difusa é un espazo urbano de baixa construción e densidade de poboación, con vivendas unifamiliares ou edificios residenciais con poucas vivendas, frecuentemente dotados de xardíns e outros grandes espazos integrados en edificacións, agrupados en urbanizacións, ben comunicados por estrada co núcleo urbano onde teñen os principais servizos públicos, ao que se accede principalmente en coche. Ao mesmo tempo, os polígonos industriais e os centros comerciais nos arredores ou ao longo das vías de comunicación son típicos da cidade dispersa. Oponse ao concepto de cidade compacta.

46. Cidade de 15 minutos: É unha cidade onde a maioría dos servizos esenciais, como tendas, escolas, parques, instalacións sanitarias e lugares de traballo, están situados a 15 minutos a pé ou en bicicleta desde calquera lugar da cidade. Adoitan ter unha maior densidade de poboación en comparación coas áreas urbanas máis dispersas, o que facilita a creación dunha infraestrutura de transporte público eficiente e unha maior oferta de servizos. As rúas peonís e os carrís bicicleta están deseñados co propósito de promover unha mobilidade sostible e segura, fomentando un impacto medioambiental menor.

Entradas relacionadas: