Conflito e diglosia: funcións sociais da lingua
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras materias
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,13 KB
As funcións sociais da lingua: conflito e diglosia
O encontro de dúas ou máis linguas nun mesmo espazo xeográfico denomínase conflito lingüístico e ten repercusións tanto no ámbito social e cultural como no individual e psicolóxico. O bilingüismo é unha consecuencia directa do contacto de linguas. Distinguimos entre bilingüismo social e bilingüismo individual, aínda que estean relacionados. A sociolingüística ocúpase do bilingüismo social e o bilingüismo individual forma parte da psicolingüística.
Bilingüismo
Unha persoa bilingüe é aquela que, ademais da súa primeira lingua, ten unha competencia semellante noutra lingua e é quen de usar unha ou outra en calquera circunstancia con parecida eficacia. Este sería un bilingüismo perfecto ou ideal; o que atopamos na realidade son individuos que se aproximan máis ou menos a el. Para analizar o bilingüismo individual debemos ter en conta a competencia, o grao de coñecemento e o uso efectivo, isto é, os ámbitos en que son utilizadas cada unha das linguas.
Os factores que debemos ter en conta á hora de describir unha situación de bilingüismo social son: demográficos, de status e de apoio institucional.
Diglosia
A situación de diglosia aparece naquelas comunidades que presentan dúas linguas ou variedades lingüísticas, de xeito que só unha delas (a alta ou dominante) se utiliza nas situacións formais, mentres que a outra (a baixa ou dominada) se restrinxe a situacións informais. Cando se altera a estabilidade diglósica e unha lingua se introduce nos ámbitos reservados á outra, falamos de conflito lingüístico, que pode evolucionar en dúas direccións opostas: cara á normalización da lingua dominada ou cara á substitución pola dominante.
Estereotipos e prexuízos lingüísticos
Os prexuízos son un tipo de actitude e o grande interese que espertan débese á súa suposta capacidade de influír no comportamento, tamén no lingüístico.
No proceso de formación dun prexuízo o primeiro paso é a creación do estereotipo, isto é, a división dun grupo en clases en función de diversos criterios e a asignación a cada clase de determinadas características en oposición ás outras clases.
- Os prexuízos e estereotipos non son innatos, senón aprendidos.
Apréndense ao longo dun proceso de socialización do individuo, no que a infancia e a adolescencia constitúen períodos críticos.
- Os principais axentes na transmisión de prexuízos son: pais, profesores, medios de comunicación de masas (sobre todo a televisión) e grupo de iguais. Uns van substituíndo aos anteriores a medida que o individuo medra. Na primeira infancia os pais e despois os profesores desempeñan un papel preponderante; este dilúese en gran medida na adolescencia, onde cobra maior relevancia o grupo de iguais.
- O principal xeito de transmisión, aínda que non é o único, é o discurso. Os prexuízos tamén se forman a través da experiencia directa e, de feito, este é o xeito máis intenso de adquisición, pero o menos frecuente. Non esquezamos que temos prexuízos mesmo daquilo que non coñecemos persoalmente, senón unicamente "de oídas".
Os prexuízos son difíciles de detectar, porque a xente intenta ocultalos, ou polo menos "disfrazalos", sexa consciente ou inconscientemente. Podemos manter determinados prexuízos e non recoñecelos nin sequera ante nós mesmos. De aí que para descubrilos sexa necesario recorrer a técnicas cualitativas, que permiten analizar o nivel implícito dos discursos, como a entrevista en profundidade ou grupo de discusión.
Prexuízos lingüísticos sobre o galego
En Galicia, os falantes de galego concéntranse maioritariamente nas zonas rurais e nas xeracións de máis idade, fronte ao castelán, que funciona como lingua urbana e da xente nova.
Galegofalantes = xente maior e hábitat rural = mundo tradicional e enxebre
Lingua galega = inadecuada para os tempos modernos e o progreso, en oposición ao castelán.