Ciclo das rochas e estrutura da Terra
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Geología
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,25 KB
O ciclo das rochas
Na superficie terrestre: aquí prodúcese a meteorización das rochas e a súa transformación en sedimentos, transportados polos axentes xeolóxicos e acumulados nas concas sedimentarias.
No interior da codia terrestre: aquí os materiais encóntranse sometidos a altas presións e temperaturas. Os sedimentos transfórmanse en rochas que poden pregarse, cambiar o seu aspecto e composición, ou incluso fundirse. O pregamento das rochas e o vulcanismo forman relevos, levan os materiais cara á superficie terrestre. A acumulación de sedimentos en concas sedimentarias, que presentan subsidencia, leva os materiais ata o interior da codia.
O interior da codia
- A presión: debida ao peso das rochas, aumenta rapidamente coa profundidade. A 12 km de profundidade supera as 3000 atmosferas.
- A temperatura: tamén aumenta coa profundidade, nuns 3 ºC por cada 100 m. Aínda que este valor presenta variacións, na base da codia alcánzanse temperaturas próximas aos 1000 ºC.
- Os esforzos de compresión e de distensión: producidos polos movementos do manto, que comprimen e estiran os materiais da codia.
Os tres factores mencionados producen cambios nos materiais encontrados no interior da codia:
- Diaxénese: é a transformación dos sedimentos en rochas sedimentarias debido á presión e á temperatura, que producen compactación e cementación dos compoñentes do sedimento.
- Metamorfismo: é o conxunto de cambios que experimentan as rochas sometidas a altas presións e temperaturas, sen chegar a fundirse. Fórmanse así as rochas metamórficas.
- Magmatismo: é a fusión das rochas formando un magma, que, ao consolidarse, orixina as rochas magmáticas.
O ciclo das rochas é o conxunto de procesos que as modifican, as transforman en sedimentos e converten estes de novo en rochas.
Gradiente xeotérmico e calor interna
O causante do gradiente xeotérmico é a calor interna da Terra. Xeran grandes cantidades de calor:
- Os impactos de meteoritos: xa que a súa enerxía cinética se transforma en enerxía térmica. Durante uns mil millóns de anos produciuse un intenso bombardeo de meteoritos, algúns do tamaño de pequenos planetas.
- A desintegración de elementos radioactivos: que producen partículas subatómicas como os electróns e os neutróns a altas velocidades. Estas, ao chocaren cos átomos do seu arredor, aumentan a súa enerxía térmica. Naquela época estes elementos radioactivos eran moito máis abundantes ca na actualidade.
- A decantación dos materiais máis densos: principalmente o ferro, cara ao núcleo terrestre, comezou cando o planeta xa empezara a fundirse, pero, unha vez iniciado, produciu á súa vez moita máis calor debido ao rozamento do ferro fundido ao atravesar os materiais rochosos.
Composición e estrutura da Terra
Codia
É unha capa rochosa delgada e sólida. Existen dous tipos moi diferentes:
- Codia continental: o seu grosor varía entre 30 e 70 km. Forma as masas continentais e está composta fundamentalmente por granito. En moitas zonas, a súa superficie aparece cuberta dun espesor variable de rochas sedimentarias e de sedimentos sen consolidar.
- Codia oceánica: o seu grosor é duns 10 km. Forma os fondos dos océanos e está composta por basalto e gabro, rochas dunha densidade un pouco maior ca a do granito.
Manto
É unha capa rochosa situada baixo a codia a 2900 km de profundidade. Está composto por peridotita.
- Manto superior: comprende desde a base da codia ata os 670 km de profundidade.
- Manto inferior: abrangue desde os 670 km ata a superficie do núcleo, a 2900 km.
Núcleo
A composición é metálica.
- Núcleo externo: comprende desde os 2900 km (base do manto) ata os 5150 km, e encóntrase en estado líquido. A súa fluidez é similar á da auga, e está axitado por violentas correntes de convección. Estas correntes son as que orixinan o campo magnético terrestre.
- Núcleo interno: é unha esfera duns 1220 km de raio, e encóntrase en estado sólido.
Descontinuidades sísmicas e litosfera
As ondas sísmicas que se producen nun terremoto percorren o interior da Terra e recíbense nos sismógrafos de todo o mundo. Ao analizar os rexistros das ondas sísmicas, os sismólogos poden localizar a que profundidade se encontran as separacións entre as capas. Debido a que estas se identifican e localizan reciben o nome de descontinuidades sísmicas. Hai catro:
- Descontinuidade de Mohorovicic: sitúase entre a codia e o manto entre 30 e 70 km.
- Descontinuidade de Repetti: separa o manto superior do inferior a 670 km.
- Descontinuidade de Gutenberg: separa o manto do núcleo externo a 2900 km.
- Descontinuidade de Lehman: separa o núcleo externo do núcleo interno a 5150 km.
A litosfera
A parte máis externa do manto superior está firmemente unida á codia formando un conxunto ríxido, que recibe o nome de litosfera.
- Litosfera continental: formada por codia continental e parte do manto superior. Chega a ter un espesor de case 300 km baixo as cadeas montañosas, mentres que nas zonas chás continentais o seu grosor é duns 100 km.
- Litosfera oceánica: constituída por codia oceánica e parte do manto superior. O seu grosor é inferior a 100 km nas zonas máis antigas dos océanos, e de menos de 20 km nas zonas máis novas.
Wegener e a deriva continental
Wegener propuxo unha teoría revolucionaria. Afirmaba que os continentes podían desprazarse, e que había 300 millóns de anos estiveran unidos formando unha masa continental única á que lle chamou Panxea. Wegener pensaba que os continentes se movían esvarando sobre os fondos oceánicos, pero non podía explicar que forza era capaz de empurralos.