A Célula: Unidade Básica da Vida e Funcionamento

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Biología

Escrito el en gallego con un tamaño de 31,58 KB

A Célula: Unidade Básica da Vida e Funcionamento

A célula é a unidade básica da que están feitos todos os seres vivos. É a unidade mínima capaz de realizar todas as funcións que caracterizan un ser vivo.

Dependendo de se un organismo está formado por unha ou varias células pode ser:

  • Organismos unicelulares: Están formados por unha soa célula que realiza todas as funcións necesarias para a súa supervivencia. Ás veces, varios organismos unicelulares viven xuntos formando colonias (como a ameba).
  • Organismos pluricelulares: Están constituídos por moitas células que perden a capacidade de sobrevivir illadas. Cada célula realiza unha tarefa concreta e todas traballan conxuntamente para que o organismo sobreviva (como as plantas e animais). O noso organismo está formado por un gran número de células. As persoas son seres pluricelulares.

As células do noso corpo poden ter formas e tamaños distintos, e en todas elas hai:

  • Membrana celular ou plasmática: É unha capa fina que envolve a célula, e fai de fronteira entre esta e o medio extracelular.
  • Citoplasma: É o contido da célula ao excluír o núcleo. Está formado por unha disolución de auga na que están unha variedade de estruturas, denominadas orgánulos, que se encargan de realizar as diferentes funcións.
  • Núcleo celular: É unha estrutura que ten forma esférica e está situada no centro da célula. Contén o material xenético coa información necesaria para dirixir e controlar as funcións celulares.

Orgánulos Celulares

  • Mitocondrias: Son orgánulos de forma oval cunha dobre membrana que delimita un espazo interior. Proporcionan enerxía á célula para o seu funcionamento.
  • Retículo endoplasmático: É un conxunto de sacos e condutos membranosos comunicados entre si que se estende por todo o citoplasma celular. No retículo fabrícanse diversas substancias. Existen dous tipos:
    • Rugoso: Con ribosomas pegados á cara externa das súas membranas.
    • Liso: Sen ribosomas pegados.
  • Vacúolos: Son vesículas membranosas que conteñen auga con substancias disoltas. Almacenan produtos de reserva ou restos.
  • Ribosomas: Son pequenas partículas que aparecen tanto libres no citoplasma como pegadas ás membranas do retículo endoplasmático. Encárganse de fabricar proteínas.
  • Lisosomas: Son vesículas membranosas en cuxo interior se transforman as substancias complexas noutras máis simples que a célula pode utilizar.
  • Citoesqueleto: É un conxunto de filamentos que se distribúen por todo o citoplasma formando unha rede. Constitúen o “esqueleto” da célula e interveñen nos seus movementos.
  • Centríolos: Son dous cilindros ocos cuxas paredes están formadas por filamentos. Dirixen o movemento do citoesqueleto.
  • Aparato de Golgi: Está formado por moreas de sacos membranosos aplanados, rodeados de pequenas bolsas nas que se empaquetan substancias fabricadas no retículo e, con frecuencia, verten o seu contido ao medio extracelular. A súa función é a secreción.

As células do corpo humano, como as dos animais, plantas, fungos e protistas, son células eucariotas. Isto significa:

  • Que o núcleo está separado do resto do citoplasma por unha membrana que o envolve.
  • Que o citoplasma se divide en compartimentos, é dicir, está formado por elementos delimitados por unha membrana, aos que denominamos orgánulos.

O Núcleo Celular

O núcleo é a estrutura da célula que mellor se aprecia. En comparación con outros elementos é de gran tamaño, e adoita ter forma esférica e estar no centro.

No núcleo distínguense:

  • Envoltura nuclear: É unha dobre membrana atravesada por poros que permiten o intercambio de substancias entre o núcleo e o citoplasma.
  • Nucleoplasma: É o contido do núcleo. Está formado por unha disolución en que están a cromatina e os nucléolos.
  • Cromatina: Está constituída por un conxunto de filamentos moi longos que se agrupan no interior do núcleo. Cada filamento está formado por unha molécula de ADN, que contén a información xenética ou hereditaria da célula. A cromatina tínguese moi ben con colorantes. Cando unha célula se vai dividir para formar dúas células fillas, os filamentos de cromatina contráense e forman unhas estruturas máis curtas e grosas chamadas cromosomas. No núcleo de cada unha das células do corpo humano hai 46 filamentos de ADN, que forman 46 cromosomas, agás nas células reprodutoras ou gametos que hai 23.
  • Nucléolos: Son as zonas do núcleo en que se fabrican os ribosomas. A súa forma é esférica.

Transporte a través da Membrana

A membrana plasmática ten permeabilidade selectiva, é dicir, deixa pasar algunhas substancias e impide o paso doutras.

As moléculas pequenas atravesan a membrana plasmática mediante dous mecanismos diferentes:

  • Difusión: É o mecanismo polo que algunhas moléculas pequenas, como o osíxeno ou o dióxido de carbono, atravesan libremente a membrana plasmática. Se estas moléculas teñen unha concentración menor no interior da célula ca no medio extracelular entran na célula; no caso contrario as moléculas saen da célula e así as concentracións a ambos os dous lados da membrana tenden a igualarse.

A osmose é unha forma especial de difusión. Trátase da difusión da auga a través dunha membrana dende unha disolución diluída cara a outra máis concentrada. As concentracións a ambos os lados tenden a igualarse.

  • Transporte activo: Ás veces a célula necesita substancias que hai en menor concentración no medio extracelular ca no seu interior. Nestes casos, a membrana pode transportar substancias mediante un proceso contrario á difusión, é dicir, dende o lugar en que a súa concentración é menor cara a onde é maior. Este transporte supón un gasto de enerxía para a célula.

As partículas de gran tamaño non poden atravesar a membrana para entrar na célula. Nestes casos a membrana afúndese e engloba a partícula, formando unha pequena bolsa que se incorpora ao citoplasma. Este mecanismo denomínase endocitose.

O proceso contrario, polo cal as bolsas celulares verten o seu contido ao exterior é a exocitose.

Metabolismo Celular

O conxunto de reaccións químicas que sucede no interior da célula constitúe o metabolismo.

Distínguense dous tipos de procesos metabólicos:

  • Catabolismo: É o conxunto de reaccións cuxo obxectivo é degradar as moléculas complexas e transformalas noutras máis simples para liberar a enerxía que conteñen. A respiración celular é un exemplo catabólico.
  • Anabolismo: É o conxunto de reaccións cuxo obxectivo é construír moléculas complexas a partir doutras máis sinxelas. Utiliza parte da enerxía obtida no catabolismo. A fabricación de proteínas é un exemplo.

As células toman do medio que as rodea as substancias necesarias para o metabolismo e a el expulsan os refugallos que se producen.

Nun organismo unicelular a súa célula realiza estes intercambios directamente co medio externo. Nun organismo pluricelular a inmensa maioría das células non están en contacto directo co medio externo.

Como conseguen os nutrientes e expulsan os desperdicios?

Cada célula do noso corpo está rodeada dun líquido co que realiza os intercambios, este líquido extracelular constitúe o medio interno. Os diferentes sistemas do noso organismo encárganse de abastecer de nutrientes o medio interno e retirar del os residuos.

División Celular e Tecidos

Nun organismo pluricelular, o número de células aumenta por división celular. Unha célula divídese e orixina dúas células fillas. Unha delas especialízase en facer un traballo particular e, con frecuencia, perde a capacidade de dividirse. A outra mantén a súa capacidade de división e así asegúrase o crecemento do organismo e a renovación celular.

Os cambios na forma e no interior dunha célula especializada fana axeitada para desempeñar unha determinada función.

As células especializadas dun organismo pluricelular non son capaces de levar unha vida independente.

Para realizar mellor a súa función as células especializadas do mesmo tipo agrúpanse e traballan xuntas formando un tecido.

Un tecido non inclúe só células senón tamén a substancia que elas mesmas fabrican. Esta substancia disponse enchendo os espazos entre as células e denomínase substancia intercelular.

Un tecido é un agregado de células, xeralmente do mesmo tipo, organizadas para realizar unha función común.

As células do noso corpo atópanse nun dos catro tecidos: epitelial, conectivo, muscular e nervioso. Dentro do tecido conectivo distínguese á súa vez tecido conxuntivo, cartilaxinoso e óseo.

  • Tecido epitelial: O tecido epitelial ou epitelio está recubrindo tanto a superficie externa do corpo como o interior e exterior dos órganos. As súas células dispoñense unha xunto a outra, sen apenas substancias intercelular. Hai dous tipos de epitelios:
    • Epitelio de revestimento: Está formado por varias láminas de células, como a pel, ou por unha soa, como os capilares. Estes epitelios teñen unha función protectora.
    • Epitelio glandular: Fórmano células epiteliais especializadas en producir e segregar substancias. Estas células adoitanse agrupar e formar estruturas chamadas glándulas, como as sebáceas, que producen a graxa do pelo.
  • Tecido nervioso: Forma o encéfalo, a medula espiñal e os nervios. Encárgase de recoller a información tanto do exterior como do interior do corpo e transmitila duns lugares a outros do organismo para elaborar as respostas axeitadas en cada caso.

As principais células nerviosas son as neuronas, teñen forma estrelada con longas prolongacións. O espazo entre as neuronas está ocupado polas células gliais, un conxunto de células diversas que realizan funcións de soporte, defensa e nutrición das neuronas.

  • Tecidos conectivos: Realizan funcións de unión. Caracterízanse porque as súas células están rodeadas de abundante substancia intercelular que presenta moitas fibras fabricadas polas propias células.
    • Tecido conxuntivo: É o material de recheo do corpo. Está na capa máis profunda da pel e ocupa os espazos entre os órganos. Un tipo especial deste é o tecido adiposo.
    • Tecido cartilaxinoso ou cartilaxe: É o principal compoñente do esqueleto dos embrións. No adulto está nas articulacións dos ósos, na traquea, no nariz, nas orellas e nos discos intervertebrais. Realiza funcións de soporte.
    • Tecido óseo: Constitúe o compoñente esencial dos ósos dun adulto. É o máis forte dos tecidos conectivos xa que a súa substancia intercelular contén sales de calcio, é dicir, está mineralizada.
  • Tecido muscular: É o compoñente principal dos músculos e o responsable do movemento das diferentes partes do organismo. As súas células son alongadas e denomínanse fibras musculares. Hai tres tipos:
    • Tecido muscular estriado esquelético: Forma os músculos que se unen aos ósos e producen o seu movemento. A súa contracción é voluntaria.
    • Tecido muscular estriado cardíaco: Compón as grosas paredes do corazón. A diferenza do esquelético, a súa contracción é involuntaria.
    • Tecido muscular liso: Haino na parede do estómago, dos vasos sanguíneos, do útero ou da vexiga. A súa contracción é involuntaria.

Órganos, Aparatos e Sistemas

Un órgano está formado por dous ou máis tecidos diferentes. Os tecidos agrúpanse para realizar unha nova función que cada un deles non pode cumprir por separado.

Un conxunto de órganos cuxa actividade está estreitamente relacionada para desenvolver unha función complexa constitúe un aparato ou sistema de órganos.

Ademais do sistema dixestivo, hai outros sistemas, como o circulatorio, o nervioso ou o respiratorio, que están no noso corpo.

Un organismo está formado por órganos e sistemas de órganos que funcionan de xeito coordinado.

Transplantes

Transplantar é substituír un órgano enfermo, que pon en perigo a vida dunha persoa (receptora), por outro que funcione axeitadamente.

Non sempre é necesario substituír o órgano completo, ás veces é suficiente transplantar parte do órgano, algún tecido ou células.

Un transplante necesita un receptor e un doador.

O doador adoita ser unha persoa en situación de morte cerebral ou morte encefálica, é dicir, unha persoa que morreu pero que se manteñen de forma artificial os latexos do seu corazón para que os órganos que se transplanten estean en boas condicións.

Nalgúns casos o doador pode ser unha persoa que segue viva tras a doazón. Isto pode acontecer cando o receptor necesita:

  • Un tecido renovable, como a pel, o sangue ou a medula ósea.
  • Unha parte dun órgano que ten capacidade de rexeneración, como o fígado.
  • Un órgano prescindible, como o ril, xa que unha persoa pode vivir cun só.

É imprescindible que o doador e o receptor sexan o máis parecidos posible, é dicir, que sexan compatibles, no caso contrario prodúcese o rexeitamento. O receptor intenta defenderse do corpo estraño e ao destruílo e rexeitalo pode ocasionar a súa propia morte. Isto deféndeno as nosas defensas.

Segundo sexa a relación que exista entre o receptor e o doador os transplantes denomínanse:

  • Autotransplante ou autoenxerto: Doador e receptor son o mesmo individuo. Utilízase en caso de tecidos ou porcións de órganos como pel, óso, vasos sanguíneos ou medula ósea.
  • Isotransplante: Doador e receptor son xemelgos. Ao seren xeneticamente idénticos, como no caso do autotransplante, non se produce rexeitamento.
  • Alotransplante: Doador e receptor son individuos da mesma especie pero non son xeneticamente idénticos. Este é o tipo de transplante máis común.
  • Xenotransplante: Doador e receptor son de especies distintas. Exemplo disto é a utilización de válvulas cardíacas de porco en humanos.

Alimentos e Nutrientes

Os alimentos que inxerimos achegan os nutrientes indispensables para que a célula obteña a materia e enerxía necesarias para cumprir a súa función e poder renovarse.

Os alimentos son produtos naturais ou elaborados que proporcionan as substancias que as nosas células necesitan para vivir.

Tipos de substancias segundo a composición química:

  • Substancias inorgánicas: como a auga e os sales minerais.
  • Substancias orgánicas: como os glícidos, os lípidos, as proteínas e as vitaminas.

Segundo a súa composición, os alimentos poden ser:

  • Alimentos simples: Están formados por un só tipo de substancia alimenticia. O aceite, o azucre…
  • Alimentos compostos: Están formados por diferentes substancias alimenticias. O pan, o leite.

Substancias Inorgánicas

Chámanse así porque non son propias da materia viva. Son dúas:

  • A auga: É o composto máis abundante nos seres vivos e o medio en que se desenvolve a vida das células.

O noso organismo perde auga continuamente e necesita repoñela coa alimentación. Ademais da auga que bebemos todos os alimentos a conteñen en maior ou menor medida.

  • Os sales minerais: Cloruros, carbonatos, fosfatos… están nos ósos e nos dentes e danlles consistencia. Tamén hai sales disoltos en todos os líquidos do organismo como o sangue, ou a suor.

Substancias Orgánicas

Os constituíntes orgánicos dos alimentos son:

  • Glícidos: Os máis sinxelos como a glicosa e a maltosa teñen sabor doce, por iso coñécense como azucres. A glicosa é un glícido que non se pode descompoñer noutros máis sinxelos. A maltosa está formada pola unión de dúas moléculas de glicosa.

O amidón e a celulosa son glícidos complexos que non teñen sabor doce. As súas moléculas son moi grandes, produto da unión de moitas moléculas de glicosa.

  • Lípidos: como as graxas ou o colesterol. Son substancias que non se disolven nada ou moi pouco en auga. As de orixe vexetal ou graxas insaturadas son líquidos cando están a temperatura ambiente e chámanse aceites. As de orixe animal ou graxas saturadas como a manteiga son sólidos e coñécense como sebos.

Unha molécula de graxa pode descompoñerse en substancias máis sinxelas: a glicerina e os ácidos graxos.

  • Proteínas: como a hemoglobina ou o glute. Son macromoléculas formadas pola unión de centenares ou miles de moléculas máis simples, os aminoácidos.

Existen moitas proteínas diferentes. Unha proteína diferénciase das demais no número, no tipo e disposición dos aminoácidos que a forman.

  • Vitaminas: Son substancias orgánicas que necesitamos en cantidades moi pequenas pero que son imprescindibles para o correcto funcionamento do organismo. Como non podemos fabricalas tómanse a través dos alimentos que as conteñen.

O Sistema Dixestivo

Os alimentos están constituídos polos mesmos compostos que o noso corpo así as complexas substancias dos alimentos só poden chegar ás nosas células e seren utilizadas se son transformadas previamente noutras máis simples, os nutrientes. Esta transformación prodúcese no sistema dixestivo.

O sistema dixestivo fórmano o tubo dixestivo e as glándulas dixestivas.

O tubo dixestivo é un conduto de paredes musculosas que vai dende a boca ata o ano.

Partes do Tubo Dixestivo

  • A boca: É unha abertura que contén os dentes e a lingua. Os dentes encaixan nas mandíbulas e son dun material similar ao óso, a dentina, que está recuberto polo esmalte. A súa parte interna, a polpa dentaria, contén as terminacións nerviosas e os vasos sanguíneos que nutren a dentina. A lingua está formada por potentes músculos e abundantes receptores do sentido do gusto.
  • A farinxe: É unha cavidade común ao sistema dixestivo e ao respiratorio. Por ela pasa o alimento dende a boca cara ao esófago e o aire dende o nariz ou a boca cara á larinxe.
  • Esófago: É o conduto polo que o alimento avanza dende a farinxe ata o estómago.
  • Estómago: É un ensanche do tubo dixestivo, coa forma dunha bolsa curvada. As súas paredes teñen músculos moi potentes e cando está baleiro ten numerosas dobras que ao se encheren desaparecen. A entrada do alimento dende o esófago realízase a través dunha válvula, o cardia. A outra válvula, o píloro, comunica co intestino delgado.
  • Intestino delgado: É un tubo longo, pregado varias veces que comunica o estómago co intestino groso. A parte do intestino delgado que segue a continuación do estómago chámase duodeno debido a que nos seres humanos ten unha lonxitude duns doce dedos.
  • Intestino groso: É un conduto máis groso ca o intestino delgado, ao cal rodea. A parte fundamental do tubo ten forma de U invertido e chámase colon. Na unión do colon co intestino delgado está o cego, unha bolsa cuxo extremo pechado leva unha fina prolongación chamada apéndice. A comunicación do colon co exterior faise a través do recto, que remata no ano.

Glándulas Dixestivas

As glándulas dixestivas son os órganos encargados de producir os zumes dixestivos e vertelos ao interior do tubo dixestivo.

Estes líquidos conteñen unha gran variedade de substancias entre as que destacan os encimas dixestivos que son un tipo de proteínas que aceleran a descomposición das substancias complexas dos alimentos nos seus compoñentes máis sinxelos, os nutrientes.

As glándulas dixestivas preséntanse de dúas formas:

  • Repartidas polas paredes do tubo dixestivo. Así acontece coas glándulas gástricas da parede do estómago e as intestinais da parede do intestino.
  • Fóra do tubo dixestivo, polo que se chaman glándulas anexas. Son:

- Glándulas salivares: Comprenden tres pares de glándulas cuxos condutos desembocan no interior da boca. Producen a saliva.

- Páncreas: Glándula en forma de punta de frecha, localízase na parte esquerda do corpo debaixo do estómago. Produce o zume pancreático e vérteo ao duodeno.

O páncreas ademais de zumes dixestivos produce insulina. Esta hormona vértese directamente no sangue e regula a cantidade de glicosa que contén.

  • Fígado: É a glándula máis grande, está á dereita do corpo ao lado do estómago. Produce a bile que se almacena na vesícula biliar e se verte ao duodeno cando circulan por el alimentos ricos en graxas.

A bile non contén encimas dixestivos pero realiza sobre as graxas un efecto parecido ao xabón: fragméntaas en pequenísimas pingas que se manteñen dispersas. Así facilita a acción dos zumes dixestivos sobre as graxas.

O fígado tamén almacena glícidos, ferro e algunhas vitaminas e contribúe a eliminar do sangue os medicamentos ou as substancias tóxicas como o alcohol.

A Dixestión

A dixestión é o proceso de transformación que experimentan os alimentos ao seu paso polo tubo dixestivo. Pode ser dixestión mecánica ou química.

Dixestión Mecánica

Inclúe un conxunto de accións físicas que reducen o tamaño das partículas alimenticias e fanas avanzar ao longo do tubo. Estas accións son fundamentalmente:

  • Triturado: Realízano os dentes na boca.
  • Deglutición: É o paso do alimento dende a boca ao esófago a través da farinxe. Ao mesmo tempo a larinxe pecha para impedir que o alimento pase ás vías respiratorias.
  • Movementos: provocados polas contraccións dos músculos da parede do tubo dixestivo. Son:

- De mestura: Poñen en contacto as partículas de alimento cos zumes dixestivos.

- Peristálticos: Fan avanzar o alimento ao longo do tubo.

Dixestión Química

Consiste na transformación das macromoléculas en pequenas moléculas solubles, os nutrientes. É un proceso químico acelerado polos encimas contidos nos zumes dixestivos. Ten lugar:

  • Na boca, onde a saliva, que contén un encima chamado amilase, inicia a dixestión dos glícidos.
  • No estómago, onde o alimento se almacena e se mestura co zume gástrico que producen as glándulas da súa parede. Este zume contén ácido clorhídrico e un encima, a pepsina, que indica a dixestión das proteínas.
  • No intestino delgado, onde se completa o proceso. Os zumes procedentes do páncreas e das glándulas intestinais vértense ao duodeno. Estes zumes conteñen encimas como a lipase que descompoñen as graxas, e outros que completan a transformación dos glícidos e das proteínas.

Os alimentos convírtense en nutrientes durante a dixestión. Logo pasan ao sangue e son transportados ata todas as células do corpo.

O Resultado da Dixestión

Os alimentos convírtense en nutrientes durante a dixestión. Logo pasan ao sangue e son transportados ata todas as células do corpo.

A Absorción Intestinal

O paso dos nutrientes dende o tubo dixestivo ao sangue sucede fundamentalmente no intestino e recibe o nome de absorción intestinal.

  • A maior parte dos nutrientes orgánicos absórbense no intestino delgado. É un proceso relativamente rápido xa que a súa enorme superficie interna facilita o contacto entre os nutrientes e a parede que debe atravesar. Esta gran superficie débese a varios factores:

- A gran lonxitude do intestino delgado.

- As numerosas pregaduras da cara interna da súa parede que, á súa vez, está inzada da infinidade de pequenas dobras, as vilosidades intestinais. Estas vilosidades teñen forma de dedo e danlle un aspecto aveludado.

  • A maior parte da auga e os sales minerais absórbense no intestino groso. As bacterias que o habitan, a chamada flora intestinal, fabrican algunhas vitaminas que despois son asimiladas no colon.

A Formación das Feces

Nos alimentos existen substancias que non podemos dixerir e polo tanto absorber. Aqueles restos que non puideron ser dixeridos ou absorbidos forman parte das feces e son expulsados do organismo a través do ano mediante un mecanismo denominado defecación.

Os Alimentos e a Dieta

O conxunto de alimentos que tomamos diariamente constitúe a nosa dieta.

Unha dieta equilibrada é a que achega todos os tipos de nutrientes nas cantidades axeitadas para manter o noso organismo en bo estado e asegurar un desenvolvemento correcto.

A Función dos Alimentos

As funcións dos alimentos segundo os nutrientes que achegan son:

  • Función plástica: Utilízase para constituír a nosa propia materia e así crecer ou repoñer os materiais perdidos. Realízana os alimentos ricos en proteínas ou sales minerais.
  • Función enerxética: Liberan enerxía e así podemos realizar o traballo muscular ou manter a temperatura do corpo, realízana os alimentos con abundantes glícidos ou lípidos.
  • Función reguladora: Fan posible que todos os procesos que teñan lugar no noso corpo se desenvolvan con normalidade, realízano os alimentos que proporcionan sales minerais e vitaminas.

A Roda dos Alimentos

Para que os consumidores consigan unha dieta equilibrada, os alimentos distribuíronse en grupos segundo o tipo de nutrientes que achegan e a súa función no organismo. Esta agrupación en sectores coñécese como roda dos alimentos.

Os grupos vermellos (1 e 2) conteñen alimentos ricos en proteínas que desempeñan funcións plásticas.

Os grupos amarelos, 6 (alimentos ricos en glícidos), 7 (alimentos ricos en lípidos) cumpren unha función enerxética.

Os grupos verdes (4 e 5) son alimentos ricos en vitaminas e sales minerais e cumpren funcións reguladoras.

O grupo laranxa (3) comprende alimentos con todos os nutrientes por iso realizan funcións plásticas, reguladoras e energéticas.

A Dieta Mediterránea: Unha Dieta Equilibrada

Recibe o nome de dieta mediterránea a que de forma tradicional se segue en países como España, Portugal ou Italia.

Nela están presentes os seguintes nutrientes:

  • Os glícidos, base desta dieta, son achegados por:

- Os cereais como o arroz e os seus derivados, o pan ou as pastas.

- Os legumes como as lentellas ou os feixóns.

- As froitas e as verduras.

  • As proteínas proceden máis do peixe que da carne.
  • A principal graxa que se utiliza é o aceite de oliva.
  • A achega esencial de vitaminas e sales minerais procede tamén das froitas e das verduras frescas.

Os factores máis beneficiosos da dieta mediterránea segundo os expertos son:

  • A maior parte da enerxía achegada polos alimentos procede de glícidos complexos; os lípidos proporcionan só unha pequena cantidade (preveñen a obesidade).
  • Entre os lípidos predominan as graxas insaturadas fronte ás graxas saturadas (preveñen enfermidades cardiovasculares).
  • As froitas e as verduras frescas xunto cos legumes e os cereais integrais subministran unha cantidade axeitada de fibra alimentaria, preveñen o estrinximento.

Métodos de Conservación dos Alimentos

 

  • Ao baleiro: empaquetar os alimentos en recipientes  aos que se lle extrae o aire que conteñen.
  • Deshidratación: Eliminar a auga do alimento para impedir o desenvolvemento dos microorganismos.
  • Calor:

    - Mediante esterilización  sométese aos alimentos a temperaturas entre 110 e 120 C para eliminar todos

      os xermes.   

                    - A pastrurización consiste en quentar a 72 C durante 15 segundos e despoia arrefriar rapidamente.

  • Frío: Manter os alimentos a baixas temperaturas, por enriza de 0 C ou por debaixo de 0 C para imposibilitar o desenvolvemento dos xermes.
  • Aditivos: Impedir o desenvolvemento de microorganismos engadindo substancias ou aditivos químicos artificillas.

Osistema respiratorio é o responsable de facer circular o aire entre o organismo e o medio externo. Os conductos polos que circula o aire no sistema respiratorio chámanse vías respiratorias:

  • As vías respiratorias superiores inclúen o nariz, a farinxe e a laringe.
  • As vías respiratorias inferioresinclúena tráquea, os bronquios e os bronquíolos que rematan nos alvéolos.

O sistema respiratorio está formado polas vías respiratorias e os pulmóns, que están aloxados na cavidade torácica.

O percorrido do aire no sistema respiratorio

  • Nariz e boca. Son as vías de entrada de aire. Dende alí o aire pasa a farinxe, unha cavidade común no sistema dixestivo. A partir dese punto o aire  percorre un camiño independente  ao dos alimentos.
  • Laringe. Ten forma de funil e as súas  duras paredes de cartilaxe apálpanse na parte anterior do pescozo. No seu interior  atópanse  as cordas vocais , que vibran ao paso do aire e producen os sons.
  • Tráquea. É un tubo flexible que sempre permanece aberto ao pasp do aire.
  • Pulmóns. Son dous órganos situados na cavidade torácica e protexidos polas costelas. A súa forma e cónica e a súa base, lixeiramente cóncava, apóiase sobre o diafragma.
  • Bronquios e bronquíolos. Son tubos similares a tráquea que se ramifica.

Inicialmente son dous e donomínanse bronquios. A medida que sw subdividen fanse cada vez máis finos e   

Chámanse bronquíolos.

  • Alvéolos pulmonares. Son pequenas bolas de paredes moi delgadas situadas ao final dos bronquíolos máis finos. Están rodeados de infinidade de capilares sanguíneos.

Por que pasan os gases?

Unha parte do osíxeno do aire que conteñen os avéolos atravesa as súas paredes e as  dos finísimos capilares que os rodean  e pasa  ao sangue . O dióxido de carbono  percorre o camiño contrario: dende o sangue pasa ao interior dos avéolos.

As paredes dos avéolos e dos capilares non interveñen de forma activa no paso  destes gases. Os gases atravesan  estas paredes por difusión, dende o lugar onde a súa concentración é mayor cara o lugar onde estan en menor concentración. Por iso non hai intercambio de nitróxeno, porque se observa en igual concentración no interior dos avéolos ca no sangue.

Noa avéolos  o osíxeno  pasa dende o aire ao sangue por simple difusión; o dióxido de carbono pasa en sentido inverso polo mesmo mecanismo.

Entradas relacionadas: