Análise da Frota Pesqueira Española en 1996: Tonelaxe e Retos

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 5,24 KB

Análise da Frota Pesqueira Española en 1996

Introdución: A imaxe é un gráfico de sectores, tamén denominado diagrama circular, que representa a composición da frota española por tonelaxe de barcos, segundo datos de 1996. A área da figura divídese en sectores de tamaño proporcional á importancia de cada variable, neste caso, á maior ou menor tonelaxe dos barcos españois. Observamos na gráfica que os de tonelaxe inferior a 25 GT representan unha porcentaxe elevadísima, o 81% do total, seguidos en segundo lugar polos de 25 a 100 GT, que supoñen o 10%, fronte ós de 100 a 500 GT, que representan o 8% e ós que superan as 500 GT que tan só supoñen o 1% do total da nosa frota. 1 GT é unha tonelada bruta que equivale a 1016 kg, polo tanto é algo máis que unha tonelada bruta (1000 kg).

Importancia da Frota de Baixa Tonelaxe

Esa distribución por tonelaxe da frota española indica a importancia no sector pesqueiro dos barcos de pequena tonelaxe (-25 GT). Esta é unha frota artesanal, constituída por numerosas embarcacións de pequeno tamaño que faenan no Caladoiro Nacional ou espazo pesqueiro español, estendido dende a costa ata as 200 millas náuticas sobre as que España ten dereitos exclusivos de pesca. O noso caladoiro está organizado en 8 rexións pesqueiras: noroeste, cantábrica, tramontana, levantina, surmediterránea, suratlántica, balear e canaria.

A frota de pequena tonelaxe (tamén denominada de baixura ou de litoral) adícase á captura de distintas especies de peixes, crustáceos e cefalópodos, segundo a época do ano, preto da costa, e por unha tripulación caracterizada por un elevado grao de envellecemento. O nº de capturas por embarcación é reducido pero de alto valor económico, porque se dirixen a especies de alta demanda no mercado nacional e cóidase a calidade do produto, utilizando artes de anzol en especies como a pescada, ollomol... e artes de trampa na captura de mariscos (nécora...) e de cefalópodos (polbo, lura...).

Retos do Caladoiro Nacional

O CN, en cuxas augas pescan estes barcos, ofrece modestos recursos, pois a plataforma continental é reducida, e a sobreexplotación e a contaminación minguaron os recursos. A sobreexplotación débese ó exceso de capturas e ó uso de artes de pesca indiscriminadas. Para evitala, repobóase o caladoiro; prohíbese a pesca de talles mínimos; increméntase a vixilancia... A contaminación é debida principalmente ás verteduras de combustibles dos barcos. Para afrontar este problema hai que afrontar ditas verteduras e rexenerar as zonas degradadas.

A Frota de Altura e os Caladoiros Internacionais

Polo que respecta á frota de altura ou gran altura, integrada por buques de gran tamaño, sinalar que este tipo de barcos pescan en caladoiros alleos, nos que permanecen días, semanas ou meses, e que incorporan o proceso industrializador nos barcos. Os caladoiros alleos nos que faenan son os comunitarios e os internacionais. Deles o máis importante é o do Atlántico, seguido a distancia, dos do Océano Índico e Pacífico.

Os caladoiros comunitarios están sometidos a un sistema de cotas, fixadas anualmente, para asegurar a sostenibilidade das capturas. Así só se pode pescar unha cantidade máxima establecida, que se reparte entre os barcos autorizados mediante licencias de pesca. Nestas augas destaca a captura de pescada, abadexo, anchoa... En canto ós caladoiros internacionais, as restricións de pesca nestas zonas dependen de acordos con terceiros países, que son subscritos pola UE. España promove, no seo da UE, a continuidade dos acordos subscritos e a sinatura doutros novos que permiten incrementar as posibilidades de pesca da nosa frota. Os barcos españois faenan principalmente nas augas do Atlántico que bordean o continente africano, onde capturan pescada, atún... e nas do Atlántico sur, zona das Maldivas, capturan cefalópodos; nas augas do Índico, atún e pescada; e nas do Pacífico, costa de Chile, peixe espada.

Crise e Desafíos Actuais do Sector Pesqueiro

Actualmente a actividade pesqueira atravesa unha situación de crise, que queda reflectida nos seguintes indicadores:

  • O descenso da poboación activa ocupada no sector.
  • O seu envellecemento e escasa formación.
  • A diminución da súa contribución ó PIB.
  • Un comercio exterior deficitario polo que hai que importar peixe.
  • O tamaño excesivo da frota en relación coas posibilidades de pesca dende os anos 80 debido ó encarecemento do petróleo e á implantación de zonas exclusivas de pesca.

Ademais, dende a entrada na UE, houbo que reducir o tamaño da frota mediante prexubilacións, despezamento de barcos, paros biolóxicos, dedicación a actividades diferentes á pesca, e traspaso de barcos a sociedades mixtas en 3ºs países. Outra medida foi renovar e modernizar a frota para o que se contou con fondos europeos. Tamén a pertenza á UE supuxo a adopción da Política Pesqueira Común (PPC), polo que España quedou integrada nas Organizacións Comúns de Mercado (OCM), que fixan os prezos dos produtos; a liberalización dos intercambios pesqueiros coa Comunidade e a adopción das directrices comunitarias en materia de pesca.

Entradas relacionadas: