Gallego
Enviado por david y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 11,36 KB
2.2-Evolución da lingua galega O galego foi durante boa parte da Idade Media unha lingua oral – o mesmo cás outras linguas románicas próximas- e só nunha época relativamente tardía se afirmou como lingua escrita. Pero cada unha destas linguas tiñan un territorio ben definido e foron circunstancias políticas as que condicionaron o seu futuro. No caso do galego, houbo dous acontecementos históricos que tiveron especial relevancia: - A independencia de Portugal no s. XII, que fixo que a orixinaria unidade lingüística do occidente peninsular se fragmentase dando lugar co tempo ás dúas linguas que hoxe coñecemos como galego e portugués. - A hexemonía que foi conseguindo o Reino de Castela, que fixo que o castelán se estendese a outos territorios da Península desprazando ás linguas que se falaban nos mesmos. Cómpre lembrar a relación directa da historia das linguas coas dos pobos ou comunidades nas que se falan, xa que a partir do reinado dos Reis Católicos (fins do s. XV), acentúase o proceso de unificación e uniformización no político, no relixioso e no lingüístico. Isto traerá como consecuencia a expansión territorial do castelán e o conseguinte retraemento dos outros romances peninsulares que quedaron baixo a órbita do reino de Castela: de maneira máis intensa dos que estaban xeograficamente máis próximos, como eran o leonés ou o aragonés, e un pouco menos no caso do castelán e do galego. Desta maneira, mentres que o castelán e o portugués se afianzan como idiomas de dous Estados independentes e se converterán moi axiña en linguas de moitos pobos alén do océano, as outras linguas peninsulares iniciarán unha prolongada etapa de marxinación dos usos públicos e formais. Ata 1350 o galego cultívase, ademais de na literatura, nas áreas da administración civil e de xustiza, na economía, na ciencia e na técnica, na vida eclesiástica e relixiosa. Os documentos públicos e privados son redactados na lingua que a xente entende e fala decote: o galego. Dende mediados do s. XIV, ó estar integrada no reino de Castela, Galicia non ten chancelería nin corte de seu que favoreza a oficialización da lingua. O galego cede gradualmente o seu terreo ó castelán como lingua de uso habitual na administración e na redacción de todos os documentos elaborados no noso territorio. Os escribáns públicos deixarán de usar o galego dende que, a partir de 1480 se esixa exame, en castelán, ante o Consejo del Rey. O castelán irá converténdose na lingua hexemónica nos reinos peninsulares, agás en Portugal. En Galicia, o castelán avanza entres as clases altas da man dunha valancha de forasteiros que ocupan cargos eclesiásticos, militares ou civís. En definitiva, falar e escribir en galego non era rendible socialmente; pola contra, o castelán era un instrumento que proporcionaba prestixio social e outros beneficios (frades, cregos, nobres e cargos da administración dependen de superiores que falaban castelán; outros obtiñan beneficios vendendo, mercando ou recibindo favores do estrato social castelán-falante, conseguindo beneficios económicos, etc., etc). O galego rematará por perder os seus usos formais, aínda que seguiu sendo a lingua da maior parte da poboación, especialmente das clases populares. Tamén certa nobreza autóctona seguiu mantendo o galego como lingua vehicular, cun comportamento presumiblemente diglósico. Como consecuencia, a nosa lingua sofre unha grave perda a nivel léxico, xa que se ruraliza e dialectaliza ficando reducido a lingua oral, o que explica as carencias léxicas que chegan ata hoxe na vida administrativa, burocrática, eclesiástica, científica e técnica. Nos s. XVI, XVII e XVIII o castelán esténdese por todo o segmento superior da pirámide social, un sector de poboación minoritario pero dominante, que impón os seus gustos e modas sobre o resto, que ten acceso á cultura e que ocupa os postos de responsabilidae na política, na igrexa, na administración de xustiza, na milicia, na universidade etc. Pola contra, o castelán apenas progresa entre a inmensa masa de productores e traballadores, con escasos recursos económicos e sen posibilidade de acceder á educación. Neste período iníciase o proceso de deturpación dos topónimos e dos apelidos galegos. Ademais, perde dúas posibilidades de adquirir prestixio ou consideración entre os seus falantes: por unha banda non é obxecto de estudio humanístico (a primeira gramática do castelán é de 1492 e a do portugués de 1536), por outra non se beneficia do impulso difusor que supón a imprensa; en Galicia só se imprimirán textos en latín ou castelán. Malia todo, a principios do s. XIX, soamente as clases máis acomodadas das cidades e das vilas e, en menor medida, a fidalguía rural, estarán plenamente castelanizadas. Pódese dicir que durante os s. XVI, XVII e XVIII o galego quedou relegado como lingua da literatura e das administracións civís e eclesiásticas, sendo substituído por completo polo castelán para tales funcións. Cando na segunda metade do s. XVIII se intentou estender a escolarización a todo o Reino de España, dispúxose que se fixese necesariamente en castelán. En contraposición con este uso exclusivo do castelán nos escenarios públicos e tamén na comunicación oral das élites dirixentes, o galego segue a ser a lingua cotiá dos sectores populares, consagrándose así unha relación diglósica entre as dúas linguas que aínda se manifesta nos nosos días. Contra esta situación irracional e absurda manifestáronse no s. XVIII algúns ilustrados de sona. Entre eles cómpre citar a Frei Martín Sarmiento, un intelectual preocupado polas consecuencias sociais dun desaxuste tan intenso entre a fala do pobo e a dos seus dirixentes, especialmente na educación, tal como se pode observar nos seus textos. Esta actitude reivindicativa do galego vai preparando o campo do Rexurdimento da nosa literatura no s. XX.
2.3-Literatura escrita (s. XV-XVII) As condicións sociopolíticas e culturais explican que non poidamos falar de literatura no sentido tradicional, senón da existencia de certos textos literarios en lingua galega que cómpre contextualizar. A fins do s. XIV producírase xa a decadencia da escola trobadoresca galegoportuguesa, por causas que xa coñeces. Os poetas comezan a utilizar o castelán, á par do galego, na súa producción literaria, constituíndo a escola lírica galego-castelá. O púlpito e a escola, en mans do clero, convertéranse en eficaces instrumentos castelanizantes, favorecendo a aparición do primeiro foco diglósico: unha minoría letrada que ten o galego como lingua de instalación, pero que formada en castelán só utiliza este idioma na escrita, facendo inviable a creación dunha literatura culta en galego. Ó tempo que se perde o público culto para o galego, a escritura nesta lingua non se ve estimulada en forma de prestixio ou beneficio material. A élite social “consume” textos literarios en castelán ou latín, desbotando productos literarios na lingua dos inferiores socialmente. Ademais, a producción literaria en galego era rara avis entre as clases cultas en Galicia. 1.- Poesía popular e tradicional Esta poesía continúa a tradición da que partira a cantiga de amigo. Sen seren propiamente populares, parecen destinadas a ser cantadas e lidas diante dun público iletrado. A condición oral impide a conservación de moitos textos. Por sorte, conservamos algúns por escrito, que podemos clasificar do seguinte xeito: - O tema do Mariscal Hai noticias da existencia de diversos “romances e cancións” referentes á rebelión e posterior apreixamento e decapitación do Mariscal Pedro Pardo de Cela na praza maior de Mondoñedo o 7 de nadal de 1483. O Pranto da Frouseira é un exemplo. - Temas históricos ou de circunstancias Un exemplo conservado é a composición que fai referencia ó saqueo de Cangas polos turcos o 9 de nadal de 1617. - Poesía anónima de carácter tradicional culto Composicións de carácter culto que seguen modelos tradicionais. Son cantigas semellantes ás da escola trobadoresca, as máis delas recollidas en cancioneiros casteláns do s. XVI. 2.- Poesía académica É escasa e na súa maior parte segue os modelos da poesía castelá contemporánea. Son obras de autores que empregaron ocasionalmente o galego. - Poesía renacentista. O “Soneto de Monterrei” é unha composición anónima de aprox. 1530; trátase dun poema dialogado, semellante a unha pastorela. Outro dos textos renacentistas conservados é o soneto da Condesa de Altamira, dona Isabel de Castro e Andrade (1520-1582). O poema está dedicado a Alonso de Ercilla, data de 1578, ano no que o autor publicou a segunda parte de La Araucana. - Teñen especial interese as composicións barrocas recollidas no libro dedicado ás exequias da raíña Margarida de Austria e no que figuran dous sonetos en galego da autoría de Xoán Gómez Tonel e de Pedro Vázquez de Neira. - Do mesmo s. XVII vonsérvase un extenso poema en décimas composto polo crego Martín Torrado con motivo da polémica xurdida cando se pretendeu facer que Santa Teresa compartise o padroado de España co seu patrón tradicional, o Apóstolo Santiago. - Na mesma época viñan celebrándose na Universidade de Compostela uns certames poéticos coñecidos como Festas Minervais. As composicións que concorrían a estes certames perdéronse na súa práctica totalidade, pero conservamos impresas as pertencentes ao certame de 1697, entre as cales figuran nove romances en galego, de oitenta versos cada un, obra de diferentes autores. 3.- Teatro -Textos de carácter litúrxico: non conservamos ningunha peza dramática destas características, pero si atopamos referencias que testemuñan a existencia dun teatro de carácter litúrxico desde tempos antigos que tería como agumentos escenas bíblicas ou da vida de Cristo e María. - Formas parateatrais populares que aínda ase manteñen vivas hoxe como poden ser as celebracións relacionadas co entroido en diferentes puntos de Galicia. -Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, 1671, primeira peza teatral conservada; obra do licenciado Gabriel Feixoo de Araúxo. 4.- Vilancicos: - (s. XVII) vilancicos de galego: composicións musicais relacionadas coa celebración litúrxica do Nadal. Nas representacións do portal de Belén comezou a facerse popular a figura de personaxes galegos que encarnaban os pastores que acudían a visitar o neno Xesús. A pobreza e o afastamento de Galicia permitían esa identificación, e a tradición dos vilancicos de galego axiña acadou moita difusión na península e mesmo chegou ás colonias americanas. As letras desas composicións remedaban a lingua galega e na súa música botábase man de formas rítmicas propias da nosa tradición, como os ritmos de muiñeira, e de instrumento como a gaita e o pandeiro. - (s. XVIII) vilancicos galegos: cando a tradición do vilancico de galego xa estaba en decadencia fóra de Galicia, renacen arredor das catedrais de Santiago e Mondoñedo, elaborados por músicos e poetas galegos os “vilancicos galegos”, que seguirán tendo cultivadores durante a primeira metade do Rexurdimento. O s. XVIII supón un cambio cualitativo, ideoloxicamente, respecto ós precedentes. O labor reivindicativo dos ilustrados galegos proporciona unha base sobre a que renacerá a literatura galega no s. XIX.